top of page

A Coruña, terra hostil para o filial (4-3)

O Noia Portus Apostoli B volve a marchar da cidade herculina sen noticias positivas, ou o que é o mesmo, cun marcador en contra e sen puntos que sumar.


"Juve" observa aos seus xogadores durante un adestramento

Co bo sabor da vitoria lograda no Agustín Mourís fronte o FS Pontedeume, o filial noiés volvía a A Coruña, lugar que xa visitara na súa última saída, coa misión de prolongar esa racha de triunfos e volver a introducirse nunha dinámica positiva diante do Academia RedBlue 5 Coruña FS.


O encontro comezaba cos noieses tentando facerse dominadores do esférico e, por tanto, do partido, mais custáballes realizar unha circulación que puxera en apretos serios aos locais. Ainda así, os de “Juve” contaron con algunhas ocasións para abrir a lata, da mesma forma que os coruñeses, que pecaron de falta de acerto en varias fases do encontro.


Coa igualdade como protagonista, nunha xogada polémica moi protestada polos xogadores brancos, os colexiados sinalarían penalti por man, que os locais se encargarían de converter para o 1-0. Unha decisión que espertaría o enfado dos noieses, que iría a máis cando apenas segundos despois, unha clara man do porteiro fóra da área quedaba sen castigo.


Afortunadamente para os intereses dos nosos, os de “Juve” non baixaron os brazos e foron quen de darlle a volta ao marcador con dous tantos no minuto once. Con ese resultado de 1-2 se chegaría ao descanso, a pesar das múltiples ocasións de serio perigo coas que contaron ambas escadras antes do entretempo.


Descanso, Academia RedBlue 5 Coruña 1-2 Noia Portus Apostoli B


Pouco despois da reanudación do partido aparecerían os goles que semellaban quedar polo camiño na primeira metade. Primeiro, no minuto 22, os locais voltarían a nivelar o marcador, mais no 24’ os noieses, froito dun disparo de falta, tomarían de novo a iniciativa.


Unha que pouco lle duraría tamén, xa que no 27’ un erro en saída de presión deixaba en bandexa de prata o terceiro gol ao Academia RedBlue 5 Coruña, que por segunda vez empataba o choque.

Entrou así o partido nun escenario no que, no ecuador do segundo acto, quen dera o seguinte golpe semellaba ter as maiores opcións de quedarse cos tres puntos. Momento no que os porteiros de ambas áreas se luciron para manter aos seus no partido.


Ata que, no minuto 38, un erro defensivo por parte dos visitantes acabou por entregarlle o cuarto gol aos locais. Intentou responder o cadro de “Juve” co xogo de cinco, mais as ocasións serían inútiles e o marcador non se movería máis, quedando os tres puntos e a vitoria en A Coruña.


Final do partido, Academia RedBlue 5 Coruña FS 4-3 Noia Portus Apostoli B


Unha nova derrota en A Coruña e un novo encontro a domicilio no que o Noia Portus Apostoli B volve de baleiro. Unha situación na que se torna aínda máis importante sumar de tres na casa, onde os noieses volverán o próximo fin de semana, na xornada oito, para recibir ao Jogafan Ordes FS.


bottom of page