A Secretaría Xeral para o Deporte Galego recibe ao Noia Portus Apostoli FS

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o deporte galego, foi o anfitrión na recepción ao primeiro equipo branco en Santiago de Compostela, que estivo acompañado polo alcalde e a concelleira de deportes noieses.

O primeiro plantel do Noia Portus Apostoli FS continuou na mañá deste martes cos protocolarios actos oficiais por mor do ascenso a Primeira División, nesta ocasión coa recepción oficial por parte de José Ramón Lete Lasa na Secretaría Xeral para o Deporte Galego en Santiago de Compostela.


O secretario xeral para o deporte dedicou palabras de admiración e agradecemento polo logrado aos xogadores e corpo técnico do Portus Apostoli, así como a todo o club, coa presenza do presidente Severino Barreiro e o director xeral Javier Barreiro. Xunto ao equipo noiés tamén asistiron ao acto representantes do Concello de Noia, co alcalde Santiago Freire e a concelleira de deportes Laura Salgado, e da Real Federación Galega de Fútbol co presidente do comité de fútbol sala Pablo Prieto.


Secretario xeral, líderes municipais e club emprazáronse a seguir mantendo conversacións e boas relacións de cara ao futuro, nunha visita que terminou coa entrega dunha camiseta do Noia Portus Apostoli FS personalizada a Lete Lasa por parte da entidade noiesa.


GALERÍA da recepción oficial na Secretaría Xeral para o Deporte Galego