top of page

Academia RedBlue 5 Coruña-Noia Portus Apostoli B: o filial quere sumar a domicilio

  • Foto del escritor: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 25 oct 2019
  • 2 Min. de lectura

Dúas semanas despois, o filial noiés volve a viaxar a A Coruña. Esta vez o calendario lévaos á cidade da Torre de Hércules para verse as caras co Academia RedBlue 5 Coruña (sábado 26, 18:30 horas) na sétima xornada ligueira.


O filial durante o adestramento deste xoves

O Noia Portus Apostoli B volveu á vitoria no seu feudo ata o momento inexpugnable, o Agustín Mourís, o pasado fin de semana, tras dúas saídas sen sumar. Unha alegría que tentarán prolongar nesta sétima data do campionato da Preferente Autonómica – Grupo Norte, que os leva de novo lonxe de Noia e por segundo encontro seguido a domicilio a A Coruña.


Unha viaxe que se leva mellor con eses tres puntos colleitados fronte a súa afección. “Supón unha subida de moral para o equipo”, afirma o xogador David Agraso, “que nos fai seguir tendo confianza”. Sen dúbida, os resultados amosan que o filial rinde mellor na casa que fóra. “Xogar na casa sempre é mellor para nós”, amplia David, “xa que contamos co apoio dos nosos afeccionados, que case son un xogador máis”.


Só tres puntos de nove posibles acumula o Noia Portus Apostoli B lonxe dos seus dominios, algo polo que David, a pesar diso, pensa que “non hai preocupación”. O xogador noiés incide en que “o que nos falta é confiar en finalizar as ocasións que teñamos e non rendernos se nos vemos por detrás no marcador”.


O rival desta fin de semana, o Academia RedBlue 5 Coruña, é un conxunto descendido da Terceira División, situado oitavo con dez puntos -dous menos que o noso filial- na clasificación, polo que se postula como candidato ao ascenso, aspecto polo que se presena como un encontro con dificultades para os noieses. “Todos os partidos son difíciles”, matiza David, “pero con confianza e xogando como sabemos, penso que podemos levarnos os tres puntos”, insistindo en que “para iso temos que loitar durante os corenta minutos”.


Os xogadores do cadro filial xa coñecen a convocatoria de doce que se desprazarán mañá pola tarde a A Coruña coa misión de volver a sumar fóra da casa, algo que non logran desde hai máis dun mes, o 22 de setembro.

Comentarios


bottom of page