O cadro noiés viaxará á localidade viguesa en busca de seguir sumando e, por que non, soñar coa segunda vitoria consecutiva (sábado 16, 17:00 horas, Pavillón IES Beade).
Un triunfo necesario e reconfortante foi o que lograron os rapaces do Noia Portus Apostoli a pasada fin de semana diante do Vigo 2015 por 7-3, dinámica que buscarán prolongar este sábado na parroquia de Beade, tamén viguesa.
Coa meta de acumular o maior número de puntos posibles canto antes, os brancos tentarán nesta oitava xornada ligueira lograr por primeira vez na súa historia en Terceira dúas vitorias seguidas, algo que os faría mirar máis para arriba que para abaixo no grupo B da categoría.
Diante estará un Beade MVMB Copefri máis necesitado de puntos que os de Daniel Ventoso. Un triunfo e catro derrotas iluminan o historial beadés ata o momento nesta temporada, polo que para o rival desta semana dos noieses sumar canto antes, e máis como locais, convírtese en máxima prioridade.
A partir das 17:00 deste sábado 16 de xaneiro, o cadro filialista poñerá a proba a súa seguridade como visitante e unha opción de lograr un importante segundo partido consecutivo sumando de tres.
Comments