O cadro de Daniel Ventoso afronta a súa estrea como visitante, despois de disputar os seus dous primeiros encontros na casa, co obxectivo de sumar tres importantes puntos.
Toca facer a mochila e coller a estrada por primeira vez no curso para o Noia Portus Apostoli B, que terá na provincia de Ourense o seu debut como visitante na Terceira División, visitando o Pavillón Paco Chao, casa do Carballiño FS.
Con catro puntos de seis posibles nos dous primeiros encontros disputados no Agustín Mourís, o cadro filialista chega cun bo balance á terceira xornada, con ambicións de facelo mellor cunha posible vitoria neste vindeiro compromiso que os colocaría mirando máis para arriba que para abaixo neste comezo de campionato.
O rival, o Carballiño FS, aínda non coñece o triunfo no que vai de temporada, cun empate e unha derrota no seu haber, logrados ante, precisamente, os dous rivais cos que se enfrontou o equipo de Daniel Ventoso. A semana pasada os ourensáns descansaron, polo que volverán a competir despois de dous fin de semanas sen facelo.
Por primeira vez desde a temporada pasada, o Noia Portus Apostoli B xogará como visitante, nun partido que comezará ás 16:00 horas deste sábado 12 de decembro, e ao que sairá tentando lograr aumentar o seu casilleiro na táboa clasificatoria.
Comments