top of page

Chegou a sexta consecutiva con rotundidade (8-3)

O Noia Portus Apostoli B firma 18 puntos dos últimos 18 posibles, despois de derrotar claramente ao CP Casás, e mantense na quinta posición da táboa, empatado co cuarto.


Á alza continúa o filial branco, que volveu a conseguir, no seu primeiro partido do 2020 no Agustín Mourís, unha nova vitoria, a sexta seguida, por 8-3 sobre o CP Casás coa que manteñen a súa candidatura a loitar polos postos de honra da Preferente Autonómica – Grupo Norte.


A pesar do abultado do marcador, aos noieses custoulles abrir a lata. A defensa en bloque baixo dos visitantes causaba problemas aos nosos nos últimos metros, onde perdían frescura debido á reducción de espazos para combinar.


Aínda así, acumulaban ocasións que poñían en apretos á portería lucense. Non foi ata o minuto once cando Álex Naranjo, cun auténtico golazo, adiantaba ao Noia Portus Apostoli B. O seu golpeo coa perna dereita desde fóra da área aloxouse na escadra esquerda do marco, levantando á súa afección.


Naranjo repetiría apenas un minuto máis tarde, logo dunha gran xogada individual e unha combinación con Rafa, quen lle servía o esférico a pracer para anotar o 2-0. Este segundo tanto animou ao CP Casás a introducir por momentos o xogo de cinco, adiantando ao seu gardameta a posicións atacantes, mais a circulación de balón resultaba errónea.


Así, os visitantes non lograrían reducir distancias, senón que os locais aínda poñerían unha diana máis. O capitán Manu Lorenzo gañaba un balón polo centro e batía con dificultades ao porteiro rival, previo xiro ante a oposición defensiva. Amosarían os lucenses máis intencións co xogo de cinco antes do descanso, sen lograr mover o marcador.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 3-0 CP Casás


Mantivo esas intencións o CP Casás nada máis comezar o segundo acto, saíndo xa co porteiro-xogador, e obtiveron froito case inmediatamente. Nin un minuto pasara da reanudación cando, no segundo pau, Juan José del Río convertía o 3-1, metendo de novo ao seu equipo no envite. Puido Iago eliminar esas malas sensacións cun disparo que se estrelou no poste.


Porén, o conxunto rival iríaso crendo no 24’, cando nunha xogada similar Juan José del Río facía o 3-2 e devolvía toda a emoción ao encontro… durante poucos segundos. Iso foi así porque Diego Pérez se encargaría na acción seguinte de poñer o 4-2, completando unha gran acción individual de xiro sobre o peche e un golpeo axustado ao poste.


Os seguintes minutos transcorrerían co CP Casás insistindo co xogo de cinco, mentres os de “Juve” daban un paso adiante no aspecto defensivo, evitando que as oportunidades sobre a portería de “Chaky” foran de perigo. Nunha acción de presión sobre a saída dos lucenses, Manu Lorenzo roubaba a pelota, que Diego Pérez se encargaría de introducir na portería rival para completar o seu dobrete e anotar o 5-2 que aproximaba os tres puntos.


No mesmo minuto dese 5-2, o 31’, chegaba o 6-2, obra de Loren tras desfacerse do porteiro cun bo regate. Repetiría para completar o seu propio dobrete no 35’, convertidno un dez metros con precisión.


Co encontro xa sentenciado, Rafa poñía a puntilla definitiva cun gran disparo lonxano coa zurda, imposible para o porteiro rival. Xa nos últimos segundos o CP Casás anotaba un último tanto, obra de David Villar baixo paus tras unha gran asistencia dun compañeiro.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 8-3 CP Casás


Cumpriuse a sexta vitoria consecutiva, xusto antes de comezar o que se pode denominar o “Tourmalet” do cadro filialista, que comezará cunha saída, a Guitiriz, para logo enfrontarse en tres dos catro seguintes choques a rivais directos, en choques nos que se dilucidará se os noieses son quen de loitar polo bonito obxectivo plantexado.


Ficha técnica:


Noia Portus Apostoli B: “Chaky” (p), Diego Pérez, Iago, Loren e Rafa. Tamén xogaron Bruno, Manu Lorenzo (c), David Agraso, Álvaro, Sergio Quílez e Álex Naranjo.


CP Casás: Abraham Lamela (p), César González, Julio Arias (c), David Losada e Jacobo Díaz. Tamén xogaron Pablo Fernández (p), David Villar, Juan José del Río e Enrique Silva.


Goles: 1-0 Álex Naranjo (11’), 2-0 Álex Naranjo (12’), 3-0 Manu Lorenzo (19’), 3-1 Juan José del Río (21’), 3-2 Juan José del Río (24’), 4-2 Diego Pérez (24’), 5-2 Diego Pérez (31’), 6-2 Loren (32’), 7-2 Loren (35’), 8-2 Rafa (39’), 8-3 David Villar (39’).


Os colexiados amosaron cartón amarelo a Julio Arias (4’), César González (8’) e Jacobo Díaz (8’).

bottom of page