top of page

CP Casás-Noia Portus Apostoli B: primeira saída para confirmar sensacións

O cadro filialista afronta o seu primeiro envite lonxe do Agustín Mourís despois de colleitar os tres puntos ante o Alto do Vento FS para visitar ao CP Casás (domingo 22 de setembro, 11:30 horas).


"Juve" realiza unhas indicacións durante un adestramento

Comezou a Preferente Autonómica – Grupo Norte para o Noia Portus Apostoli B co pé dereito, superando ao Alto do Vento FS por un amplo 7-1 e amosando unha boa cara en canto a ritmo e sensacións de xogo.


Desta forma buscarán continuar os xogadores de Dani Ventoso “Juve”, nunha segunda data do campionato ligueiro que os leva a realizar unha das viaxes máis longas de toda a temporada, destino Lugo para enfrontarse ao Club Polideportivo Casás.


O conxunto lucense é un dos novos nesta división, despois de non lograr a salvación o pasado curso na Terceira División ao finalizar 16º con 23 puntos no seu casilleiro. Esta nova aventura na Preferente Autonómica – Grupo Norte tampouco comezou como eles desexarían, ao caer na cancha do Concello de Begonte FS por un resultado de 8-5.


Polo tanto, este partido preséntase con ambos conxuntos buscando o mesmo premio pero con distintos significados. Para os visitantes o obxectivo será completar un formidable inicio colleitando seis de seis puntos posibles, mentres que os locais tentarán olvidar ese tropezo da primeira xornada e eliminar ese cero do seu marcador de puntaxe.


Só cando finalice o encontro entre CP Casás e Noia Portus Apostoli B, que se disputará este domingo 22 de setembro partir das 11:30 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo, poderemos dicir quen cumpliu a súa meta nesta segunda xornada.

bottom of page