top of page

CRÓNICA | A Burela con vantaxe na eliminatoria (5-3)

Os noieses fixeron bo o factor de comezar as semifinais como local para conseguir unha renta de dous goles de cara ao encontro de volta en maio, que decidirá un dos finalistas da XXX Copa Galicia.
Un partido vibrante e disputado, no que o Portus Apostoli tivo que remontar o 0-1 inicial para despois non soltar a dianteira.
Celebración dun dos tantos noieses na noite do mércores (foto: Pichero)

O Noia Portus Apostoli FS reparteu o primeiro golpe no camiño cara a final da XXX Copa Galicia. Os de Marlon Velasco repuxéronse ao tanto de Álex Diz e a un inicio tímido nunha segunda metade coa que deixaron ao Pescados Rubén Burela FS da Primeira División obrigados a remontar no seu feudo en maio.


O gol laranxa no minuto 9 rompeu as hostilidades dun partido que foi quentando pouco a pouco, ao igual que un Noia que, despois de sufrir un susto que puido custar o 0-2, co paso dos minutos foise impoñendo no parqué do Agustín Mourís e aproximándose aos dominios de Edu. Nun córner conseguiu o premio o Portus Apostoli, aínda que nas botas dun contrario, un Lucho que no intento de despexe introduciu o balón na súa portería.


Antes de ir a vestiarios probou a madeira Joaki, e á saída dos mesmos foi Bruno Gomes quen estrelou un disparo no poste. Na outra área esixía Burela a Henrique, que respondía poñendo o seu corpo ao servizo do equipo para evitar o 1-2.


Bruno Gomes rompeu o tenso equilibrio, culminando á rede un excelente xiro. Cheirou sangue o Noia, e lanzouse a polo rival. Nas botas de Rangel e Chus estivo o terceiro, mais foi novamente o pívot brasileiro o que atopaba as mallas nunha xogada que comezou cun fantástico roubo de Lluc a Wanderson.


A reacción laranxa demorouse o que durou o tempo morto de Rafa Merino posterior ao gol de Bruno e o que tardaron os seus xogadores en plantarse diante de Henrique despois do saque de centro. Iago Míguez, cun lanzamento alto, superou ao meta para o 3-2, aínda con nove minutos por diante.


Porén, o partido estaba na efervescencia que carecera anteriormente, e uns segundos máis tarde Marcelo facía do seu debut no Noia un dos soñados, finalizando de maneira inapelable un disparo colocado ao pau para o 4-2. Tamén para este atopou resposta o Burela, con Diego Quintela facendo bo un balón solto na área.


O que xa non tería réplica foi o quinto definitivo do Noia, o terceiro particular de Bruno Gomes. Non estragou o brasileiro o preciso envío de Nil á sua posición para colocar a diferenza de dous goles que os da Mariña lucense foron incapaces de reducir nos últimos minutos. O partido de volta disputarase no mes de maio en Vista Alegre, o que decidirá un posto finalista da XXX Copa Galicia que, polo que deixou o envite de ida, ocupa o Noia Portus Apostoli FS.


Seguinte partido


Con pouco descanso e tempo para a preparación exclusiva, este sábado os noieses reciben no Agustín Mourís ao Soliss FS Talavera, en partido da xornada 31 de Liga.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power, Javi Rangel, Edu Jabá e Joaki. Tamén xogaron Lluc (c), Altamirano, Bruno Gomes, Chus, Joaki e Marcelo.


Pescados Rubén Burela FS: Edu (p) (c), Wanderson, David Pazos, Renato e Diego Quintela. Tamén xogaron Lucho, Pitero, Álex Diz, Isma e Iago Míguez.


Goles: 0-1 Álex Diz (9’), 1-1 Lucho en propia portería (15’), 2-1 Bruno Gomes (26’), 3-1 Bruno Gomes (31’), 3-2 Iago Míguez (31’), 4-2 Marcelo (31’), 4-3 Diego Quintela (33’), 5-3 Bruno Gomes (37’).


Os colexiados Otero Mira e Dacal Deza amonestaron aos visitantes Lucho (13’), Álex Diz (25’) e Iago Míguez (31’).


Incidencias: partido correspondente á ida das semifinais da XXX Copa Galicia, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page