top of page

CRÓNICA X1 FILIAL (NPA 1-4 PAZ) | Catro minutos fatais apartan ao Portus Apostoli B da vitoria

Os noieses, que se puxeron por diante, acabaron claudicando diante dun dos equipos con máis potencial do campionato, que ata a segunda metade non foi quen de superar a un correoso filial.

Boa carta de presentación do Noia Portus Apostoli B na Terceira División 2022/2023, que lamentablemente finalizou con derrota a mans dun Pazos de Borbén FS que acabou impoñendo a súa categoría contra un conxunto filial castigado por uns minutos de desconexión.


Unha primeira metade moi competida e con ocasións para ambos conxuntos, cos pontevedreses dominando no posicional pero sufrindo nas rápidas transicións brancas. Un lanzamento ao pau para cada lado foron as oportunidades máis claras dun acto inicial que semellaba pecharse sen goles, ata que un disparo de Manu Lorenzo desde a banda dereita se converteu no 1-0, a 40’’ do descanso, recompensando a seriedade sobre a pista do filial.


O paso por vestiarios non sentou ben aos noieses, que nin coa superioridade pola expulsión por man fóra da área do porteiro visitante Marcos reaccionou. A insistencia en ataque do Pazos de Borbén acabou por traducirse en gol no 27’, co empate de Joni Costas. Tres minutos despois, froito dun balón solto na área, Joni facía o 1-2, aumentado segundos máis tarde co gol de Diego e un 1-3 que deixaba grogui ao Portus Apostoli B.


Co porteiro-xogador o tentou nos intres posteriores o conxunto de Palmas, sen éxito a pesar das varias posicións coas que contou para reducir diferenzas. Na recta final, o Pazos certificou o triunfo co 1-4, obra de Joni.


Unha primeira toma de contacto para o Noia Portus Apostoli B que deixa proba fiel do que é esta categoría, sobre todo diante dalgúns equipos que non deixan marxe ao erro nin á desconexión. Na vindeira fin de semana, os noieses visitan ao Sport Sala FS en Culleredo pola segunda xornada do campionato.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Pau, Manu Lorenzo (c) e Dani. Tamén xogaron Álex, Yago Vizoso, Brais, Insua e Hugo.


SD Pazos de Borbén FS: Marcos (p), Joni, Diego, Aarón e Joni Costas. Tamén xogaron Yago Bugarín (p), Mario Paz, Simón, Luis (c) e Mario.


Goles: 1-0 Manu Lorenzo (20’), 1-1 Joni Costas (27’), 1-2 Joni (30’), 1-3 Diego (31’), 1-4 Joni (37’).


Os árbitros David Álvarez Carril e Marcos Vázquez Mayán amonestaron con cartón amarelo a Pau (13’), Hugo (25’) e Manu Lorenzo (28’) por parte do Noia Portus Apostoli B, e a Mario (34’) no SD Pazos de Borbén FS. Marcos (21’) veu o cartón vermello directo.


Incidencias: partido correspondente á xornada 1 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page