top of page

CRÓNICA FILIAL | Cruel final para o esforzo noiés (4-3)

Sen puntos volveu o Portus Apostoli B de Pontedeume, onde logrou poñerse 0-2 por diante pero terminou sucumbindo nun minuto de zozobra xeral.
Con esta derrota, os brancos caen ao oitavo posto da táboa con 22 puntos no seu casilleiro.

Dous minutos letais terminaron coas opcións do Noia Portus Apostoli B. A grande actuación nos outros 38 non serviu para sumar uns puntos que eran cruciais diante dun FS Pontedeume que soubo remontar o 0-2 inicial.


Nin un minuto de xogo transcorrera cando un erro do porteiro local daba pé ao primeiro gol da tarde, obra de Manu Lorenzo. A partir de aí, exercicio de seriedade impecable do filial. Perfecto en defensa e buscando a súa sorte en accións rápidas para conseguir o segundo en ataque. O premio chegou no 17’, de novo Manu Lorenzo vía porta, froito dunha acción de córner botada por Pablo López.


Tivo nada máis sair de vestiarios o equipo noiés o 0-3, pero o que terminou chegando foi o 1-2, nunha acción individual fantástica dos locais. O tanto local supuxo un golpe moi forte para a moral do Portus Apostoli B, que entre o minuto 26 e o 27 encaixou tres goles que deron totalmente a volta á situación do partido.


Sen pensalo máis, os noieses introduciron o porteiro-xogador. Salvando a intervención espectacular de Álvaro baixo paus sen ser gardameta, as mellores ocasións foron visitantes. Un pau de Insua, outro de Pau, balóns perigosos na área… Os brancos só puideron romper a resistencia do FS Pontedeume cun penalti por man que converteu Insua.


Seguiuno intentando ata o final o Noia Portus Apostoli B, xa sen Pablo López, expulsado nos últimos segundos nunha decisión moi protestada polo banco noiés, pero sen sorte. Unha actuación moi por riba da recompensa obtida, que se escapou das mans en dous minutos decisivos que marcaron o partido e o resultado.


Seguinte partido


Voltará a casa o filial noiés a próxima semana para recibir ao 5 Coruña FS, en partido da xornada 18 da Terceira División.


Ficha técnica


FS Pontedeume: Jesús Lourido (p), Raul Varela, Juan Varela (c), Rubén Rico e Alejandro Garea. Tamén xogaron Ismael, Javier Graña e Diego Rey.


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Pablo López, Álvaro, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Diego Martínez, Yago Vizoso, Insua e David Agraso.


Goles: 0-1 Manu Lorenzo (1’), 0-2 Manu Lorenzo (17’), 1-2 Ismael (22’), 2-2 Juan Varela (26’), 3-2 Juan Varela (26’), 4-2 Alejandro Garea (27’), 4-3 Insua de penalti (33’).


Os colexiados Kumor Otero e Moreira Bermúdez amonestaron con cartón amarelo a Diego Rey (8’), Jesús Lourido (25’) e Juan Varela (30’) polos locais, mentres que no cadro visitante os amonestados foron Pablo López (30’ e 39’) e David Agraso (31’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 17 do campionato de Liga de Terceira División, disputado no Pavillón A Casqueira de Pontedeume.

Opmerkingen


bottom of page