top of page

CRÓNICA FILIAL | De menos a máis e terceira vitoria consecutiva (4-2)

O Portus Apostoli B logrou outros tres importantes puntos nun esixente partido contra un Campito Chapela FS que non baixou os brazos.
Con este resultado, os filialistas adéntranse en postos de PlayOff de ascenso, a falta dun partido aprazado por disputar.
Os brancos celebran o tanto de David Agraso, que supuxo o 3-1 (foto: Pichero)

Por primeira vez na temporada, o Noia Portus Apostoli B acumula tres triunfos en liña. Inmellorable momento para facelo, cando a Terceira División está encarando a súa recta decisiva. Nesta ocasión, os noieses superaron por un marcador de 4-2 ao Campito Chapela FS, facéndose de paso un oco nos postos de promoción de ascenso.


Non o puxo nada sinxelo o cadro visitante, que levaba o peso nuns minutos iniciais nos que aos noieses lles custou entrar no partido. Aínda así, unha boa recuperación e posterior transición finalizada por Diego Martínez no 6’ permitiron o 1-0. Seguiu insistindo o Campito, que acabou atopando o premio do gol por medio dunha acción de saque de esquina no minuto 11.


A pesar do empate co que se chegou ao descanso, as sensacións dos noieses non eran as de outros días. Sufrindo máis da conta atrás e desacertados no momento de buscar o gol. Todo mudou nunha segunda metade na que se viu un filial coas ideas máis claras, incisivo na defensa e concentrado en buscar portería rival.


Nesas, o Portus Apostoli B está a demostrar nas últimas datas que a moeda cae sempre de cara. Nunha acción que acabou convertíndose nun pequeno barullo na área visitante, Pablo López rematou co calcaño a porta vacía un balón sen dono, o que foi o 2-1. Ratificou esa situación o equipo branco cando David Agraso, que xa avisara anteriormente cun potente disparo á madeira, lograba o 3-1 nunha xogada que comezou cunha recuperación súa e terminou cunha perfecta definición ao pau largo.


A cinco minutos do final, o Campito apostou polo porteiro-xogador, e no primeiro intento de ataque concederon o 4-1. Aproveitou Manu Lorenzo, despois do roubo de balón, a ausencia de porteiro cun lanzamento desde a súa media pista. Xa no 38’ os visitantes poderían ver porta co xogo de cinco, pero xa sen tempo para maior reacción.


O Agustín Mourís sigue sendo un fortín, e se lle unimos o bo momento do Portus Apostoli B, a ecuación deixa aos noieses no quinto posto, que dá acceso a PlayOff de ascenso a Segunda División B, e, a priori, doce puntos por riba do descenso e máis cerca da permanencia. O obxectivo principal da escadra, que, se sigue sumando, podería pechar pronto.


Seguinte partido


Longo traslado para o filial na xornada 24, coa visita a O Barco de Valdeorras, onde agarda o Pizarras los Tres Cuñados.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Pablo López, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Cristian Iglesias, David Agraso, Marcelo, Diego Martínez e Altamirano.


Campito Chapela FS: Brais González (p), Cristian Pérez, Daniel Crespo, Sergio Vidal e Francisco Blanco. Tamén xogaron Daniel Batallán, Izan García, Martín Puime, Alejandro Lion, Fernando García e Alfredo Serrano.


Goles: 1-0 Diego Martínez (6’), 1-1 Sergio Vidal (11’), 2-1 Pablo López (22’), 3-1 David Agraso (27’), 4-1 Manu Lorenzo (35’), 4-2 Izan García (38’).


Os colexiados Gulín Piñeiro e Paz López amonestaron con cartón amarelo ao local Marcos Ferreyra (18’) e ao visitante Brais González (29’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 23 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Commentaires


bottom of page