CRÓNICA FILIAL | Escápanse os puntos por cuestión de detalles (7-4)

-Os noieses pagaron caros os seus erros no Pavillón do Barrio de las Flores, provocando que sairan de A Coruña sen premio en canto a puntuación.


-A próxima semana tocará recibir ao FS Carballiño en Noia.


Coas ganas de volver a sumar se quedou o Noia Portus Apostoli B en A Coruña, a pesar de firmar un bo partido no que acabou lamentando ocasións marradas en ataque e os goles encaixados ante o 5 Coruña FS.


Os primeiros minutos dominaron os locais, que empurraron á defensa noiesa en dirección á portería de Pablo, mais pouco a pouco os de Palmas fóronse atopando mellor na pista e encontrando o camiño á meta rival.


Porén, cando mellor estaban os nosos, o 5 Coruña aproveitou unha xogada de balón parado para sorprender á defensa visitante co 0-1 no 12’. O Portus Apostoli B non baixou os brazos en ningún momento e case en xogadas consecutivas deu a volta ao marcador cun dobrete de Altamirano.


O frenesí noiés viuse cortado por un protestado penalti que os coruñeses anotaron no 17’ para levar o empate a dous co que se chegaría ao marcador, despois de que ambos cadros estragaran varias oportunidades.


Non puido ter mellor saída de vestiarios o conxunto branco, que por medio de Yago Vizoso logrou o 2-3 no primeiro minuto da reanudación. Segunda vantaxe no partido que gozaban os noieses, pero que pouco ía a durar.


Tres erros defensivos deron a volta ao marcador para colocar o 5-3 favorable aos locais chegado o ecuador do segundo acto. Os de Palmas subiron liñas para buscar a remontada, e gozaron de ocasións claras, así como de dous dez metros, pero malgastando todo.


A dous e medio do final, entrou Álvaro como porteiro-xogador, co que lograron o 5-4 de Pau, pero os coruñeses conseguiron pechar o seu triunfo con dous definitivos tantos.


Seguinte partido


A próxima xornada enfrontará ao Noia Portus Apostoli B, que se sitúa con 3 puntos de 9 posibles na táboa, co FS Carballiño no Municipal Agustín Mourís dentro de sete días.


Ficha técnica:


5 Coruña FS: Iván Fernández (p), José Maria Rodeiro, Pablo Souto, Lukas Ramos e Álvaro Gandoy. Tamén xogaron Víctor Canabal (p), Alejandro López, Diego Hermida (c), Diego Tojo, Alejandro Casal, Ramón Tojo, Diego Carnota, Marco Estraviz e Gonzalo Santa Cruz.


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Adrián, Andrés, David Agraso, Altamirano e Insua.


Goles: 1-0 Ramón Tojo (12’), 1-1 Altamirano (14’), 1-2 Altamirano (15’), 2-2 Gonzalo de penalti (17’), 2-3 Yago Vizoso (21’), 3-3 Ramón Tojo (26’), 4-3 Diego Tojo (27’), 5-3 Álvaro Gandoy (30’), 5-4 Pau (38’), 6-4 Diego Hermida (39’), 7-4 Gonzalo (39’).


Os colexiados Miguéns Magariños e Otero Baltasar amonestaron con cartón amarelo aos locais Álvaro Gandoy (14’), Pablo Souto (20’), Diego Hermida (21’), Iván Fernández (29’), Diego Carnota (32’), Alejandro Casal (36’) e ao adestrador Antonio González (28’), así como ao visitante Pau (22’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 3 da Liga de Terceira División, disputado no Pavillón do Barrio de las Flores de A Coruña.