O Portus Apostoli B sumou un punto na recuperación do aprazado da xornada 18 contra o 5 Coruña FS, nuns derradeiros momentos de partido aos que chegou gañando pero incluso puido acabar cedendo.
Un empate que deixa casi finiquitado o obxectivo primordial da permanencia matemática (a espera dos posibles arrastres), pero que complica o reto de meterse no PlayOff de ascenso a Segunda División B. O Noia Portus Apostoli B firmou táboas contra o 5 Coruña FS na tarde do Xoves Santo, aproveitada para recuperar este partido aprazado no seu día da xornada 18, que estivo preto de ter varios finais distintos.
Adiantouse o conxunto coruñés no minuto 5, nun lanzamento de falta convertido por Santa Cruz que os brancos non lograron defender correctamente. Reaccionou ben e rápido o filial, conseguindo dous goles no minuto 11, ambos con Insua de protagonista. Primeiro finalizando unha xogada de incorporación de porteiro, principal motor dos noieses durante o encontro, e despois empuxando un servizo de David Agraso ao segundo pau, previa recuperación do pívot.
Con esa mínima vantaxe se chegou ao descanso, aínda que a mala reanudación do Portus Apostoli B condenou ao empate aos catro minutos da segunda metade. Aproveitaron os xogadores do 5 Coruña FS as dúbidas defensivas dos nosos nunha acción para que Tojo acabara logrando a pracer o 2-2.
Aguantou o filial os intentos dos visitantes para o 2-3, e iso deulle forza para ver os seus mellores minutos do segundo acto. Neles, David Agraso anotou o 3-2, por medio doutra acción de incorporación do porteiro, e os brancos tiveron oportunidades para aumentar a vantaxe que non se concretaron.
Na recta final o 5 Coruña FS lanzouse a por todas, e atopou nas faltas locais o recurso necesario para meterse no partido. Cansos, novamente ante a escasez de efectivos, os noieses chegaron á quinta falta cometida, que aumentou a seis a 24’’ do final. Non perdoou Gandoy no disparo de dez metros, colocado e moi difícil para Marcos Ferreyra. Caras de estupefacción no Mourís cando a uns 17’’ segundos os colexiados sinalaban a sétima falta. Esta vez Marcos Ferreyra si puido deter o lanzamento e deixar o choque nun empate que non mudou coas ocasións de ultimísimo momento.
Seguinte partido
Os noieses descansan esta fin de semana por motivo do festivo, e volverán para a xornada 28 da Terceira División na seguinte, visitando a cancha do Praias de Barreiros CD.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Marcelo, Pablo López, Pau e David Agraso (c). Tamén xogaron Insua, Cristian Iglesias e Diego Martínez.
5 Coruña FS: Iván (p), Álex, Hermida, Luisma e Gandoy. Tamén xogaron Tojo, Dani (c), Ramón, Lukas, Marco e Santa Cruz.
Goles: 0-1 Santa Cruz (5’), 1-1 Insua (11’), 2-1 Insua (11’), 2-2 Tojo (24’), 3-2 David Agraso (28’), 3-3 Gandoy (39’).
Os colexiados Noya Pardo e Rodríguez Pontanilla amonestaron con cartón amarelo aos locais Diego Martínez (33’) e Insua (39’) e aos visitantes Hermida (25’), Dani (27’), Santa Cruz (35’) e Álex (39’).
Incidencias: partido no seu día aprazado correspondente á xornada 18 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Opmerkingen