top of page

CRÓNICA FILIAL | Imparables no Mourís (4-3)

Os noieses derrotaron ao Troula Betanzos FS para aumentar a oito as vitorias seguidas como local e manterse na pelexa polos postos de PlayOff de ascenso a Segunda División B.

Sen moito tempo para dixerir a festa polo ascenso do primeiro equipo, o Agustín Mourís acolleu a un filial que sigue sendo un martelo na casa. Este domingo, na xornada 25 ligueira, venceu ao Troula Betanzos para a súa oitava vitoria consecutiva na casa e seguir arriba na táboa clasificatoria.


Manu Lorenzo e Insua puxeron aos brancos con dous goles de vantaxe con doce minutos disputados. As trancisións noiesas foron a grande ameaza dun Troula Betanzos FS que apenas inquietou a barreira defensiva local máis aló de dúas ocasións claras na primeira metade.


Ironías do fútbol sala, practicamente no primeiro ataque da reanudación lograron o 2-1 que lles devolveu as esperanzas, aproveitando un erro na marca do Portus Apostoli B. Unha gran xogada de equipo finalizada por Manu Lorenzo no segundo pau devolveu a vantaxe de dous tantos aos noieses, que aumentou a tres co espectacular golazo de Cristian Iglesias.


Os minutos restantes xogáronse co porteiro-xogador nas filas betanceiras. No 34’ chegou o 4-2, e con 14’’ para o bocinazo definitivo o 4-3. Pero xa era demasiado tarde para tentar quitarlle algún punto aos brancos nun Mourís que seguía lembrando a festa dunhas horas antes. O próximo equipo en visitar o fortín branco será nada máis e nada menos que o CD Lugo Sala, líder invicto da categoría, no que será un duro exame para ambos cadros.


Seguinte partido


Non descansa o filial esta fin de semana, na que se verá as caras co Sport Sala FS en Culleredo, na xornada 26 do campionato regular.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Pablo López, Insua, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Cristian Iglesias, David Agraso e Diego Martínez.


Troula Betanzos FS: Pedro Liñeira (p), Miguel Fernández, Lorenzo Cachaza (c), Oliver Espiñeira e Ricardo. Tamén xogaron Daniel Seijas, Marcos González, Roberto Paz, Alfonso Seijo e Daniel Sánchez.


Goles: 1-0 Manu Lorenzo (9’), 2-0 Insua (12’), 2-1 Ricardo (21’), 3-1 Manu Lorenzo (28’), 4-1 Cristian Iglesias (31’), 4-2 Oliver Espiñeira (34’), 4-3 Lorenzo Cachaza (40’).


Os colexiados Bello Gómez e Juan Mora amonestaron con cartón amarelo ao local Manu Lorenzo (21’) e ao visitante Lorenzo Cachaza (26’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 25 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page