Buscar

CRÓNICA FILIAL | Importante vitoria do Portus Apostoli B diante dun rival directo (4-3)

O Noia Portus Apostoli B superou ao ADFS Bueu nun partido de alternativas e que non se decidiu ata o bocinazo final.
Con este triunfo, os brancos comezan a segunda volta sumando tres puntos que os poñen na clasificación sétimos con 22 unidades.
Los noieses celebran uno de los tantos en la tarde del domingo. (foto: Pichero)

Suspirou todo o Noia Portus Apostoli B ao ver como se perdía pola liña de fondo a última ocasión do ADFS Bueu, conscientes da importancia dos tres puntos que acababan de acadar. Non foi o mellor encontro dos noieses, pero aínda así conseguiron sacar adiante unha vitoria que os coloca en cotas que ata o momento descoñecían.


A saída ao terreo de xogo foi dos visitantes, que incluso gozaron dun remate ao pau. Non aproveitou o seu momento o cadro bueuense, ao contrario que o Portus Apostoli B. Practicamente na primeira clara dos noieses, un envío de Pau a Manu Lorenzo convertiuse no 1-0, bordeando o ecuador do acto inicial. Ambos conxuntos contaron con ocasións para mover máis o marcador antes dun descanso ao que se chegaría con esa mínima diferenza.


E ata o 29’ tivo que agardar o ADFS Bueu para lograr o buscado empate, castigando un desaxuste defensivo noiés. Pouco lles durou a alegría, xa que tan só dous minutos despois chegaba o 2-1. Sacaba rapidamente desde a banda Pablo López, quen tras combinar con Álvaro e Pau recibía de novo o balón e superaba ao gardameta bueuense.


Co 3-1, que anotaba Pau no minuto 34 despois de cazar un rexeite, o encontro parecía decantarse do lado local, mais non tardou en respostar o ADFS Bueu co 3-2 un minuto máis tarde, e posteriormente coa entrada do porteiro-xogador.


Arriscaba o Bueu, golpeaba o Portus Apostoli B. Trenzaron os brancos unha boa xogada por banda na que Álvaro, tras poñer a calma cun amago de sangue fría, entregaba o esférico a Pau para que fixera o 4-2 no 38’. O equipo visitante non baixou os brazos, e aínda tivo tempo de converter o 4-3, xa no último minuto de xogo, e deixar as emocións por todo o alto ata o mesmísimo fin.


O bocinazo puxo punto definitivo ao sufrimento na defensa do catro para cinco dun Noia Portus Apostoli B que xa se está acostumando a iso, así como a gañar nun Agustín Mourís que leva cinco partidos seguidos sen ver escapar ningún punto. Na fortaleza como local reside o avance na táboa duns noieses sétimos na táboa con 22 puntos, agora mesmo a só dous do PlayOff de ascenso e once por riba do descenso.


Seguinte partido


O Portus Apostoli B afronta a primeira saída da segunda volta a próxima fin de semana, cando se verá as caras co FS Pontedeume no Pavillón A Casqueira.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Pablo López, Álvaro, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Adrián Casaldoeiro, Insua, Diego Martínez e David Agraso.


ADFS Bueu: Xoán Lamigueiro (p), Antonio Rodríguez, Lucas, Francisco Abollado e Sancho. Tamén xogaron Daniel Gómez, Alejandro Miranda (c) e Carlos Miranda.


Goles: 1-0 Manu Lorenzo (9’), 1-1 Sancho (29’), 2-1 Pablo López (31’), 3-1 Pau (34’), 3-2 Sancho (35’), 4-2 Pau (38’), 4-3 Sancho (39’).


Os colexiados Seijas Piñeiro e Tovar Rodríguez amonestaron con cartón amarelo a Pablo López (19’) polos locales e a Lucas (27’) e Alejandro Miranda (36’) nos visitantes.


Incidencias: partido correspondente á xornada 16 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.