top of page

CRÓNICA FILIAL | Novo importante triunfo no Agustín Mourís (6-3)

O Portus Apostoli B superou ao Praias de Barreiros CD nun disputado encontro, no que se puxeron por diante e xa non soltaron a dianteira para sumar tres puntos que permiten aos noieses subir dúas prazas na táboa.


O filial do Noia Portus Apostoli FS volveu a facer do Agustín Mourís a súa mellor virtude, logrando a súa terceira vitoria consecutiva como local noutro partido no que amosaron a súa mellor cara competitiva para gañarlle ao Praias de Barreiros CD, na xornada 13 da Terceira División.


De inmellorable maneira comezou o partido para os brancos. Unha fantástica xogada en equipo, na que os noieses trenzaron varios pases, terminou cun pase da morte de Pau que un rival introduciu de forma involuntaria na súa portería, aínda no minuto un.


No seis, Altamirano ampliaba vantaxe definindo con tranquilidade un contragolpe. A partir de aí, reaccionou o Praias de Barreiros CD, que fixo intervir nalgunha ocasión ao gardameta noiés Theo, antes de lograr o 2-1 nun despiste defensivo local.


Tan só dous minutos máis tarde, Theo pasou de parar a marcar. Un despexe desde a súa área convertiuse nun marabilloso tanto que sorprendeu a propios e extraños, incluido un porteiro rival que para nada estaba especialmente mal colocado.


Co 3-1 chegouse a vestidores, logo de algunha que outra intentona sen éxito do Praias, e na reanudación o Portus Apostoli B acabaría decantando o partido do seu lado con dous tantos máis. Nesas, os visitantes optaron por introducir o xogo de cinco, con dez minutos por disputarse.


Cedo atopou premio o Praias de Barreiros CD co porteiro-xogador, anotando no 31’ o 5-2, mais tería que agardar sete minutos para facer un 5-3 que, con dous por diante, deixaba aínda opcións vivas para eles. Altamirano encargaríase de estragalas por completo co 6-3, castigando a portería baleira dos visitantes.


Outros importantes tres puntos para sacar un pouco a cabeza da zona media-baixa e incentivar aos rapaces do filial noiés a comezar a mirar un pouco máis cara arriba. Novenos con 16 puntos, a tan só dous do sexto, sitúase o Portus Apostoli B ao término dunha xornada 13 na que un encontro foi aprazado por segunda data seguida.


Seguinte partido


Difícil visita á cancha do Grupo Forma-t Vilalba FS, segundo clasificado, agarda aos nosos na vindeira xornada, a 14ª do campionato de Terceira División e a última antes do parón polo Nadal.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Theo (p), Insua, Álvaro, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Power, Yago Vizoso, Diego Martínez, Pablo López e Altamirano.


Praias de Barreiros CD: César (p), Borja (c), Braian, Mario e Bruno Blanco. Tamén xogaron Miguel dos Reis, Diego López e Xardel.


Goles: 1-0 Bruno Blanco en propia porta (1’), 2-0 Altamirano (6’), 2-1 Miguel dos Reis (9’), 3-1 Theo (11’), 4-1 Manu Lorenzo (26’), 5-1 Power (30’), 5-2 Borja (31’), 5-3 Braian (38’), 6-3 Altamirano (39’).


Os colexiados Otero Baltasar e Sobral Moreno amonestaron con cartón amarelo ao local Diego Martínez (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 13 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comentarios


bottom of page