Buscar

CRÓNICA FILIAL | Os detalles dan as costas ao filial (2-2)

-Despois de catro xornadas sen facelo, volveu a sumar o Noia Portus Apostoli B, mais quedouse co amargo sabor de acariñar a vitoria e quedarse sen ela, na visita do CD Beade MVMB Copefri.


-Os duelos físicos marcaron un encontro con alternativas, no que ambos equipos acabaron sufrindo expulsións.


Agridoce punto para o Noia Portus Apostoli B. O conxunto filialista logrou sumar tras catro partidos sen conseguilo, mais quedouse cun punto en vez de cos tres que tivo preto de recoller durante varios minutos, na visita do CD Beade a un Agustín Mourís que viviu un encontro moi intenso e competido.


A igualdade entre uns e outros quedou patente desde o inicio, no que ambos cadros gozaron de chegadas para abrir o marcador, o que se produciu na xogada máis inverosímil. Nunha acción que nunca debeu suceder polo claro cobadazo dun rival a Pau, quen terminou cunha ampla brecha na parte superior do seu ollo esquerdo, o meta visitante convertiu un despexe no 0-1, ante a posición adiantada de Pablo. De nada valeron as protestas noiesas e da grada do Mourís.


As pulsacións continuaron altas, e tan só dous minutos despois, unha xogada trabada que terminou cunha dura falta sobre Álvaro desembocou nunha tangana, que se saldou coas expulsións do local Insua e o visitante Alejandro González.


Durante os seguintes minutos de primeira metade, o Portus Apostoli B pecou da velocidade, intensidade e intención que si demostrou na reanudación. Só catro minutos despois de pasar por vestiarios, os goles de Manu Lorenzo e Altamirano déronlle a volta ao marcador.


Nin os brancos lograron o terceiro tanto nin o Beade o empate, frustrado por un gran partido de Pablo baixo paus, nas oportunidades que tiveron. Ata que os visitantes, con cinco minutos por xogarse, introduciron o porteiro-xogador, que lles deu froitos coa diana de Rubén Presa a catro minutos do final.


Puido levarse o encontro o cadro beadés nun dez metros de novo moi protestado polo Portus Apostoli B, que marchou moi enfadado con certas decisións arbitrais. Afortunadamente para os seus intereses, Pablo sacouse unha nova estirada para evitar o 2-3.


Nuns últimos minutos de moitos nervios e con tres importantísimos puntos en xogo, o Beade decidiu tomar menos riscos, xogando de novo en igualdade. Finalmente, as paradas de Pablo e unha decisión polémica, nun cartón amarelo amosado a un rival por un claro agarrón cando Pau quedaba só diante do meta rival, deixaron o marcador coas táboas finais.


Os detalles, tanto externos como internos, evitaron o que puido ser unha vitoria moi especial para o Noia Portus Apostoli B, no que todos estaban desexosos de dedicarlle a mesma ao seu adestrador.


Seguinte partido


A próxima semana os noieses visitarán a cancha do Campito Chapela FS, na oitava xornada da Terceira División.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Adrián Casaldoeiro, Andrés Buján, Insua, Cristian, David Agraso, Diego Martínez e Altamirano.


CD Beade MVMB Copefri: Jesús Mera (p), Juan García, Martín Martínez (c), Esteban Fernández e David Lago. Tamén xogaron Rubén Presa, Samuel Fortunato, Alejandro González, Jacobo Alonso, Alberto Calderón e Abraham Méndez.


Goles: 0-1 Jesús Mera (9’), 1-1 Manu Lorenzo (23’), 2-1 Altamirano (24’), 2-2 Rubén Presa (36’).


Os colexiados Noya Pardo e Tovar Rodríguez amonestaron con cartón amarelo aos locais Pau (34’) e Pablo Godoy (38’) e aos visitantes Jacobo Alonso (23’ e 25’), Juan García (32’), Jesús Mera (39’) e Alberto Calderón (39’), e ao seu adestrador Gabriel Rodríguez (23’). Ademais, amosaron o cartón vermello ao local Insua (11’) e ao visitante Alejandro González (11’).


Incidencias: partido correspondente á sétima xornada do campionato ligueiro de Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.