top of page

CRÓNICA FILIAL | Por fin, tres puntos importantísimos fóra da casa (2-3)

O filial rompe a súa mala dinámica lonxe de Noia e obtén unha vitoria de moita relevancia en O Carballiño, diante dun rival próximo na táboa.
Os noieses anotaron o 0-1 por medio de David Agraso, e despois da remontada dos locais, foron quen de darlle de novo a volta ao marcador cun dobrete de Pau.
Os noieses na foto de equipo previa ao encontro

Case tres meses máis tarde, o Noia Portus Apostoli B volta dunha viaxe con puntos. E igual que aquela vez, os brancos tiveron que remontar nun disputadísimo encontro ante o Carballiño FS para sumar tres puntos que valen moitísimo para seguir escapando da zona baixa da táboa.


Non se moveu o electrónico nunha primeira metade na que os noieses tiraron de seriedade defensiva, permitindo pouco aos locais, e gozaron de ocasións claras que non terminaron por definir. Unha das máis claras, o lanzamento ao largueiro de Yago Vizoso.


Quedaron os goles para a segunda, coa iniciativa do lado filialista. David Agraso puxo o 0-1 cun finísimo movemento ao primeiro poste, zafándose do seu par e definindo coa punteira á rede para dar a vantaxe aos seus.


Porén, pouco lles durou a alegría aos noieses, que vían como o Carballiño FS aproveitaba o seu poderío no golpeo lonxano para darlle a volta ao partido en dúas accións de estratexia.


Pantasmas recentes ameazaban con regresar ás mentes dos xogadores do Portus Apostoli B, mais esta vez si souberon reaccionar a tempo. Cun dobrete entre o 33’ e o 34’ de Pau, tras sendas asistencias de Altamirano, os noieses devolvéronlle a moeda a un Carballiño FS ao que non lle quedou outra que arriscalo todo co porteiro-xogador.


A boa defensa branca seguiu vixente na inferioridade, e de feito as ocasións máis claras foron as de Insua e Manu Lorenzo en recuperacións. Ningunha acabou dentro, pero nada impediu que, aínda así, para o peto dos noieses foran tres puntos que saben a gloria.


Seguinte partido


Segunda saída consecutiva para o Portus Apostoli B a próxima fin de semana, cando visiten ao SD Xove FS, terceiro clasificado.


Ficha técnica


Carballiño FS: Eric (p), Iago Rodríguez, Hugo Bernárdez, Óscar Alcantarilla e Ángel de Francisco. Tamén xogaron Álvaro Villanueva, Noel Vázquez, Fabián Marnotes, Daniel Gallego, Daniel Fariñas e Antonio Prado.


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Insua, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron David Agraso, Pablo López e Altamirano.


Goles: 0-1 David Agraso (27’), 1-1 Daniel Fariñas (27’), 2-1 Daniel Fariñas (30’), 2-2 Pau (33’), 2-3 Pau (34’).


Os colexiados Díaz Marey e López Ramudo amonestaron con cartón amarelo polos locais a Antonio Prado (4’) e Ángel de Francisco (39’), e polos visitantes a David Agraso (7’), Manu Lorenzo (24’), Insua (30’) e Yago Vizoso (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 19 da Terceira División, disputado no Pavillón Paco Chao de O Carballiño.

Commentaires


bottom of page