top of page

CRÓNICA X3 FILIAL (NPA B 3-2 5 COR) | Segunda vitoria seguida do Noia Portus Apostoli B

O equipo noiés tivo que suar ata o final para conseguir os tres puntos por segunda semana consecutiva, no seu enfrontamento co 5 Coruña FS.
Os noieses celebran un dos tantos da tarde

O Noia Portus Apostoli B celebrou a súa primeira vitoria como local, a segunda da temporada, non sen incertidume, nun igualado duelo contra o 5 Coruña FS que se decidiu pola mínima.


Co pé esquerdo comezou o partido o conxunto filial, cargándose moi pronto de faltas. Quizais por pecar de precavidos ante a situación se produciu o 0-1. O coruñés Ramón aproveitou o oco deixado pola defensa noiesa para, desde a banda esquerda, anotar cun remate que se colou pegado ao pau. Reaccionou cedo o Portus Apostoli B, co empate de Pau un minuto máis tarde e o 2-1 de Jorge no 16’, en sendas xogadas combinativas.


Xa na segunda metade, os noieses puxeron máis terra de por medio co gol de Dani, que enviou o balón a gol a pracer, aproveitando un roubo de Brais ao porteiro no 24’. Nos minutos posteriores manexou con comodidade o marcador o cadro filial, contando varias oportunidades para encarrilar o encontro, pero tamén se voltou a encher de faltas.


Perdoou o Portus Apostoli B, e os nervios chegaron no 34’ co 3-2, de novo de Ramón, nunha xogada moi protestada polos locais debido ao movemento da portería na acción do tanto, que se produciu antes da sexta falta noiesa que supuxo un novo golpe do 5 Coruña FS en busca da remontada. Théo salvou a papeleta detendo o dez metros de Álex, quen precisamente vería o segundo cartón amarelo por unha clara falta sobre Hugo.


A pesar da superioridade numérica, non tivo o Noia as ideas claras e o 5 Coruña FS non baixou os brazos ata o último segundo, pero o filial resistiu e acabou selando tres valiosos puntos que o colocan 6º con 6 unidades na táboa. A próxima xornada, aos brancos tócalles visitar ao Cidade de Narón.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Jorge, Pau e Dani. Tamén xogaron Théo (p), Yago Vizoso, Manu Lorenzo (c), Brais, Álvaro e Hugo.


5 Coruña FS: César (p), Víctor, Hermida, Luisma e Dani (c). Tamén xogaron Iván (p), Lukas, Álex, Casal, Ramón, Pablo e Marco.


Goles: 0-1 Ramón (9’), 1-1 Pau (10’), 2-1 Jorge (16’), 3-1 Dani (24’), 3-2 Ramón (34’).


Os colexiados Eloy Bello Gómez e Juan Ramón Juan Mora amonestaron con cartón amarelo aos locais Jorge (25’), Théo (34’) e Lucho (38’) e ao adestrador Palmas (30’). Polos visitantes, viron a amarela Marco (17’), Lukas (23’), Álex (27’ e 37’), Iván (29’) e Dani (39’).


Incidencias: partido correspondente á terceira xornada da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page