Buscar

CRÓNICA FILIAL | Vitoria de aúpa (2-5)

Os noieses repuxéronse ás baixas e realizaron un encontro de moito sacrificio e ambición para colleitar tres puntazos en Beade.
Con este resultado, a clasificación deixa aos filialistas provisionalmente na quinta posición.

Con varios xogadores ausentes e lonxe do Agustín Mourís, o panorama preséntabase moi complexo para o Noia Portus Apostoli B na tarde do sábado en Beade. Quedou todo iso en presuposicións, as que se encargaron os oito xogadores noieses desprazados en borrar cunha actuación fantástica que sirveu para un triunfo importantísimo.


Tocáballe gardar a roupa e sufrir en defensa aos noieses, ante un cadro local máis nutrido de efectivos. Soubo aguantar o Portus Apostoli B e, o máis importante nesta situación, atopar o seu momento de dar a estocada. Insua adiantaba no minuto 6 aos seus nunha acción de falta, e apenas tres máis tarde Marcelo definía con tranquilidade un envío longo de Théo para o 2-0.


A correctísima primeira metade dos filialistas atoparía aínda maior premio, cos tantos de Manu Lorenzo e outro de Marcelo, este último desde os dez metros. Só unha fisura atoparon os locais na barreira defensiva noiesa, a que aproveitaron cun balón solto para o 1-4 co que se chegou ao descanso.


Os brancos foron quen na reanudación de soster o que prometía ser unha saída en tromba ao marco defendido por Pablo, e aguantar o resultado con tres tantos de diferenza que se mantivo ata a recta final do encontro.


Non lle quedou outra ao CD Beade que introducir o porteiro-xogador, que serviu para que Pablo, cun belísimo lanzamento de portería a portería no 37’, dera máis tranquilidade ao seu equipo. Só cun discutido penalti conseguiron reducir vantaxe os locais, deixando o resultado final en 2-5 favorable ao filial noiés.


Un marcador que deixa ao Portus Apostoli B, provisionalmente, na quinta praza da táboa clasificatoria, que dá acceso ao PlayOff de ascenso a Segunda División B, e o máis importante, un pasiño e unha xornada máis preto da permanencia.


Seguinte partido


A próxima fin de semana os brancos recibirán no Agustín Mourís ao Campito Chapela FS, na xornada 23 do campionato de Terceira División.


Ficha técnica


CD Beade MVMB Copefri: Jesús Mera (p), Juan García, Diego Figueiras, Martín Martínez e Ramón Veiga. Tamén xogaron Xandre Costas, Samuel Fortunato, Alejandro González, Jacobo Alonso, Esteban Fernández e David Lago.


Noia Portus Apostoli B: Théo (p), Pablo López, Marcelo, Insua e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Pablo (p), Diego Martínez e David Agraso.


Goles: 0-1 Insua (6’), 0-2 Marcelo (9’), 0-3 Manu Lorenzo (13’), 0-4 Marcelo (18’), 1-4 Xandre Costas (19’), 1-5 Pablo (37’), 2-5 Esteban Fernández de penalti (39’).


Os colexiados Otero Baltasar e Sobral Moreno amonestaron con tarxeta amarela ao local Esteban Fernández (39’) e ao visitante Pablo (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 22 da Terceira División, disputado no Pavillón IES Beade.