Buscar

CRÓNICA FILIAL | Primeiros tres puntos para o filial (3-0)

-O Noia Portus Apostoli B superou nun partido que debeu resolver antes ao FS Pontedeume no seu encontro de debut como local.


-Power, Manu Lorenzo e Insua desde os dez metros anotaron os tantos dos noieses.


Na segunda xornada chegou a primeira vitoria do Noia Portus Apostoli B, unha que ben mereceu logo de dominar durante todo o transcurso do encontro a un FS Pontedeume que non claudicou ata o final.


E é que os noieses xa puideron pechar o partido nunha primeira metade na que acosou con numerosas ocasións a meta rival. Porén, só Power no minuto 13 atopou as redes cunha fantástica manobra.


Os brancos continuaron volcándose sobre a portería dun FS Pontedeume que, cada vez máis cansado, só xeraba perigo en certas transicións e balón parado. Na misión de matar o encontro, non puido o Portus Apostoli B aproveitar un duro pau para os pontedeumeses en forma de expulsión no minuto 32.


Aproximándose aos últimos minutos e co marcador aínda apretado, os visitantes deixaron claras as súas intencións de introducir o porteiro-xogador, pero xusto antes de poder formalizar a primeira acción, Manu Lorenzo anotou no 37’ o 2-0 nunha xogada de pívot.


Insua pecharía o marcador co 3-0 cun eficaz lanzamento desde dez metros, logo de que o FS Pontedeume sufrira unha segunda expulsión. Estes tres primeiros puntos aúpan aos brancos ata a oitava posición da táboa.


Seguinte partido


A próxima xornada da Terceira División leva ao Noia Portus Apostoli B a Coruña, onde se enfrontará a un 5 Coruña FS que suma un empate e unha vitoria nos dous partidos iniciais.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Insua, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Power, Altamirano, Yago Vizoso e Iago.


FS Pontedeume: Diego Rodríguez (p), Ayala (c), Daniel Vázquez, Raúl Rey e David Pájaro. Tamén xogaron Nicolás Vergara (p), Juan Manuel Rodríguez, Javier Graña e Martín Romera.


Goles: 1-0 Power (13’), 2-0 Manu Lorenzo (37’), 3-0 Insua (38’).


Os colexiados Kumor Otero e Noya Pardo amonestaron con cartón amarelo aos locais Insua (13’), Yago Vizoso (29’), Álvaro (31’), Power (32’), Iago (33’) e ao adestrador David Palmas (11’) e aos visitantes Daniel Vázquez (5’ e 38’), Diego Rodríguez (17’), David Pájaro (29’ e 32’) e Raúl Rey (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 2 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.