Co resultado de 0-7 ao descanso, os de Marlon Velasco deixaron encarrilado cedo o pase á seguinte fase do torneo autonómico diante dun Sala Ourense que non puido aguantar o seu ritmo.
Marcos Ferreyra e Pau fixeron o seu debut oficial co primeiro equipo, este último ademais conseguindo un gol, nunha noite que nunca esquecerá.

Sen deixar ningún tipo de opción ao Sala Ourense, o Noia Portus Apostoli FS concretou o seu avance ás semifinais da XXX Copa Galicia. Os 11 goles noieses, 7 deles na primeira metade, evidenciaron as diferenzas existentes entre ambos conxuntos.
Con poucas ocasións, moita intensidade e protagonismo para o xogo de cinco nos dous equipos comezou o encontro. Pouco a pouco foise impoñendo o que quería o cadro branco, que no minuto sete enlazou dous goles, de Joaki e Nil, que xa decantaron o peso do seu lado definitivamente.
A partir de aí controlou todo o Portus Apostoli. Co balón desestabilizando a resistencia ourensá, e sen el aplicando unha presión alta afogante para o rival, e en ambas fases creando ocasións que terminaron inevitablemente por converterse en goles.
Despois de varias tentativas, a máis destacada o lanzamento ao largueiro de Joaki, chegaron cinco dianas en tres minutos. Entre o 14’ e o 17’ atoparon as redes Altamirano, Bruno Gomes, Nil novamente, Edu Jabá e Joaki outra vez.
Co 0-7 no electrónico, o ritmo da segunda metade foi moi distinto. Os brancos controlaban o esférico, mantendo a iniciativa ofensiva e practicando esquemas de cara ao futuro, mentres os locais apenas conseguían esporádicos contraataques que estragaban continuamente diante do debutante Marcos Ferreyra baixo paus.
Altamirano abriu a lata do período definitivo co oitavo no minuto 24. Dous máis tarde producíase outro debut, o de Pau, xogador do filial que xa fora convocado a Castellón. Superados os trinta minutos de choque, os noieses facían o noveno cun gol en propia meta. Remidiríanse os de Óscar Vivián anotando o gol da honra, o 1-9, nunha acción ao contragolpe que remataba Allariz.
Xa nos últimos cinco, Chus marcaba o décimo tanto a pracer, e no último minuto chegaba o gol máis especial por medio de Pau, aproveitando un rexeite na área para transformar o 1-11 e poñer a guinda final ao triunfo dun Noia Portus Apostoli FS que xa agarda rival nas semifinais da XXX Copa Galicia.
Seguinte partido
Regreso á Liga para os de Marlon Velasco, que novamente terán que coller o autobús. Nesta ocasión para visitar ao Movistar Inter “B”, na xornada 22 do campionato.
Ficha técnica
Sala Ourense: Daniel (p), Raúl, Allariz (c), Guerra e Fer. Tamén xogaron Pablo (p), Juan, Gustavo, Igor Macía, Alexander, Julio Rodríguez, Ismael Santiago e Iago Macía.
Noia Portus Apostoli FS: Marcos Ferreyra (p), Palmas (c), Altamirano, Chus e Bruno Gomes. Tamén xogaron Power, Edu Jabá, Joaki, Nil e Pau.
Goles: 0-1 Joaki (7’), 0-2 Nil (7’), 0-3 Altamirano (14’), 0-4 Bruno Gomes (15’), 0-5 Nil (16’), 0-6 Edu Jabá (17’), 0-7 Joaki (17’), 0-8 Altamirano (24’), 0-9 Alexander en propia portería (31’), 1-9 Allariz (32’), 1-10 Chus (36’), 1-11 Pau (39’).
Os colexiados Lidia Crespo e Daniel Dacal amonestaron con cartón amarelo aos locais Gustavo (2’) e Alexander (2’) e ao visitante Edu Jabá (2').
Incidencias: partido correspondente aos cuartos de final da XXX Copa Galicia, disputado no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.
Comments