top of page

CRÓNICA X10 FILIAL (NPA B 2-8 VEN) | Un duro golpe

O cadro noiés amosou a súa peor cara da temporada e acabou caendo de maneira abultada na casa contra o Distrito Ventorrillo FS.

Partido para esquecer. O Noia Portus Apostoli B estivo moi lonxe do seu nivel competitivo e viuse amplamente superado por un Distrito Ventorrillo FS que espremeu ao máximo as debilidades e os groseiros erros noieses para terminar goleando por 2-8.


Nada do que acabou pasando se podía albiscar nun inicio de partido bastante bo por parte dos filialistas, que demostraron querer ser protagonistas co balón, movendo ben e xerando ocasións. Porén, sen un acerto que si demostrou o Ventorrillo nunha das primeiras que gozou, cun balón ás costas dos noieses que serviu para o posterior gol de Xavier Merelas no 5’.


O 0-1 foi un duro golpe para o Portus Apostoli B, empeorado polo 0-2 de Adrián Matos no 9’, na xogada seguinte a unha oportunidadea porta baleira marrada polos brancos para o que era o 1-1. Tentou recuperarse o conxunto noiés, atrancado e algo precipitado xa no seu ataque. Houbo algunhas aproximacións sobre o marco rival, pero exentas de continuidade e éxito. Para máis inri, o Ventorrillo engadiu terra de por medio, con Francisco Javier Failde facendo o 0-3 no minuto 13 grazas a un certeiro golpeo directo de falta.


Conxurouse o Noia Portus Apostoli B para tentar recuperar a súa mellor versión no segundo tempo, pero non era o día. Nunha nova falta, Kevin Blanco empuxou a gol o servizo de Adrián Matos para converter o 0-4 no minuto 3 da reanudación. Nun groseiro erro en saída de presión dos noieses, Brais Suárez seguiu metendo o dedo na ferida co 0-5 no 25’.


Co porteiro-xogador chegaron os dous goles locais, obra de Hugo e de Brais, pero tamén outros tres do Distrito Ventorrillo FS, que, a pesar das súas dificultades para defender o xogo de cinco noiés, seguiu encontrando camiños por onde facer máis sangue a costa dun irrecoñecible e superado Noia Portus Apostoli B.


A próxima fin de semana os noieses, que caen á oitava praza con 16 puntos logo de tres xornadas sen gañar e dúas derrotas consecutivas, xogarán na cancha do O Korreo Guitiriz FS, en encontro da Xornada 11.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Yago Vizoso, Brais e Hugo. Tamén xogaron Insua, Manu Lorenzo (c), Pau, Dani e Lucho.


Distrito Ventorrillo FS: Óscar Lago (p), Alberto Remuiñan, Adrián Matos, Kevin Blanco e Xavier Merelas. Tamén xogaron Álvaro Arbaiza, Brais Suárez, Diego Sánchez e Francisco Javier Failde.


Goles: 0-1 Xavier Merelas (5’), 0-2 Adrián Matos (9’), 0-3 Francisco Javier Failde (13’), 0-4 Kevin Blanco (23’), 0-5 Brais Suárez (25’), 0-6 Francisco Javier Failde (30’), 1-6 Hugo (34’), 1-7 Adrián Matos (36’), 2-7 Brais (37’), 2-8 Brais Suárez (38’).


Os colexiados Gabriel Chousal Prieto e Roberto Pérez Giráldez amonestaron aos locais Insua (19’), Álvaro (22’) e Hugo (38’), ademais de ao adestrador Palmas (13’).


Incidencias: partido correspondente á Xornada 10 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page