Volve a sumar o Portus Apostoli B logo de dúas derrotas, nun encontro de alternativas e no que, por minutos, amosou unha gran cara.
Todo suma, e máis nunha situación delicada. Un empate en Guitiriz que vale un punto para o Noia Portus Apostoli, e quen sabe se tamén o inicio do camiño de saída da negativa dinámica recente.
Tivo que remar o cadro noiés contra os seus propios erros desde o inicio. Dous fallos en saída de presión conduciron a dous tantos de Jacobo Seijas e Diego Fernández para O Korreo Guitiriz FS, que entremedias encaixou o tanto branco de Dani, incisivo e letal para converter gol nunha acción de estratexia.
Só correran cinco minutos de xogo e o marcador no Jonathan Carro Paz reflexaba un 2-1. Paradoxicamente, non volvería a mudar en toda a primeira metade, a pesar de que os dous equipos gozaron de oportunidades claras para mover a árbore.
Xa na segunda metade, atopou o Portus Apostoli B a súa mellor versión, a que estaba desexando recuperar. Non foi casualidade que coincidira co momento no que os noieses lle deron a volta ao resultado. Os dous tantos ben o evidencian, con dúas accións que si son propias do mellor filial visto ata o momento. Lucho fixo o 2-2 remachando a pracer unha recuperación en primeira liña, logo dunha eficaz presión alta. Rozando o ecuador do segundo período, unha fantástica e rápida combinación terminou nas redes, con Hugo facendo o 2-3.
Porén, os locais non baixaron os brazos e aproveitaron dúas novas imprecisións brancas para, unha vez máis, avanzarse no electrónico, co 3-3 de Adrián Vázquez no 33’ nunha transición tras roubo de balón e o 4-3 de Diego López, finalizando unha xogada individual.
Momentos de desesperación e incredulidade no banco noiés, que se disiparon co punteirazo de Brais que significaba o 4-4 no 37’. Sacou toda a rabia o ala para devolver as esperanzas aos seus, que tentaron ir a polo partido co porteiro-xogador, e ben puideron levarse os tres puntos como ningún, nun final tolo que terminou repartindo un punto para cada equipo.
Con este empate, os noieses volven a sumar tras dúas derrotas consecutivas e mantéñense na oitava posición con dezasete puntos. A vindeira xornada recibirán no Municipal Agustín Mourís ao Concello de Begonte FS.
Ficha técnica
O Korreo Guitiriz FS: Martín Fernández (p), Alberto Fraga, Diego López, Xoel Santamariña e Jacobo Seijas. Tamén xogaron Adrián Vázquez, Diego Fernández, Jesús Díaz, Esteban Roca (c), Diego Carreira e Asier González.
Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Hugo, Pau e Dani. Tamén xogaron Théo (p), Yago Vizoso, Insua, Brais, Manu Lorenzo (c) e Álvaro.
Goles: 1-0 Jacobo Seijas (2’), 1-1 Dani (2’), 2-1 Diego Fernández (5’), 2-2 Lucho (23’), 2-3 Hugo (29’), 3-3 Adrián Vázquez (33’), 4-3 Diego López (36’), 4-4 Brais (37’).
Os colexiados Eloy Bello e Carlos Mosquera amonestaron con cartón amarelo ao visitante Lucho (1’).
Incidencias: partido correspondente á Xornada 11 da Terceira División, disputado no Municipal Jonathan Carro Paz de Guitiriz.
Comments