top of page

CRÓNICA X12 FILIAL (NPA B 5–1 BEG) | Convincente actuación para volver a gañar

O Noia Portus Apostoli B pecha a xeira de partidos consecutivos sen coñecer a vitoria cunha goleada sobre o Concello de Begonte FS.

Para curar unha mala dinámica, nada mellor que unha contundente vitoria. Así foi para o filial noiés, que superou ao Concello de Begonte FS por 5-1, completando ademais unha grande actuación, para lograr tres importantes puntos.


Desde o inicio do partido deixou claro o conxunto de Palmas que non ía deixar escapar esta oportunidade de levantar a cabeza, e no 2’ xa estaba por diante no marcador co tanto de Hugo, encargado de finalizar unha formidable combinación dos noieses.


Cos brancos levando o peso do partido e buscando o segundo gol seguiu o encontro. Ata en dúas ocasións o rozou, con dous remates á madeira de Pau e Brais como accións máis destacadas dentro da colección de oportunidades que gozaron os noieses.


O perdoar estivo a punto de custarlle caro ao Portus Apostoli B. Aí emerxeu Théo, xa na segunda metade, sacando tres paradas decisivas para evitar o empate do Concello de Begonte. Hugo, co gol do seu dobrete particular, deu un punto de tranquilidade necesaria aos brancos, que, porén, desapareceu de inmediato. Facendo bo un envío desde a banda, Mario Candal recurtou distancias a continuación para o Begonte. Tamén soubo replicar pronto o cadro noiés, grazas a un lanzamento de dez metros. Non fallou Dani, despois da sexta falta visitante, para converter o 3-1 no 34’.


Aproveitou a situación o Noia para facer máis dano a un Begonte que vía escapar os puntos. Pau, a pase de Hugo, fixo o 4-1 que desencadeou a entrada do porteiro-xogador nos visitantes. Poñendo a guinda ao seu grande partido, Théo recolleu un remate dos vermellos e fixo, de pista a pista, o 5-1 definitivo.


Ao finalizar, todo sorrisos e alegría nun Portus Apostoli B que colleita así un triunfo balsámico, máis que pola clasificación, por unhas sensacións e unha dinámica que precisaban si ou si revertirse ao bo camiño.

 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Théo (p), Lucho, Hugo, Pau e Dani. Tamén xogaron Yago Vizoso, Insua, Brais, Manu Lorenzo (c) e Álvaro.


Concello de Begonte FS: Sergio Freire (p), Diego Lobeiras, Daniel Jove (c), Brais Astray e Pablo Vázquez. Tamén xogaron Jorge Rodríguez (p), Jose Roca, Daniel Varela, Rodrigo Carral, Martín Álvarez e Mario Candal.


Goles: 1-0 Hugo (2’), 2-0 Hugo (31’), 2-1 Mario Candal (33’), 3-1 Dani (34’), 4-1 Pau (36’), 5-1 Théo (36’).


Os árbitros Mayra Camila Araujo e Héctor Pérez Álvarez amonestaron con cartónamarelo aos locais Lucho (1’), Brais (32’) e Pau (39’) e aos visitantes Jorge Rodríguez (20’), Martín Álvarez (30’), Daniel Varela (38’) e Juan Roca (38’).


Incidencias: partido correspondente á Xornada 12 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page