top of page

CRÓNICA X13 FILIAL (STE 5-2 NPA B) | Lastrados por un mal inicio

Derrota do Portus Apostoli B en Padrón, nun partido marcado para os noieses por uns primeiros minutos débiles e a falta de puntería.

Febles e difíciles foron os primeiros minutos do Noia Portus Apostoli B no Pavillón Grupo Escolar de Padrón. Os mesmos que lle custaron o loitar de ti a ti na súa visita ao Stellae FS, que aproveitou iso para abrir distancias pronto no marcador e terminar levándose os tres puntos.


Os tantos de Iago Couto e David Quintás abriron a lata para un Stellae FS que encontraba de maneira constante un camiño excesivamente sinxelo á portería de Marcos, que tivo que intervir en varias ocasións para evitar danos maiores. Pouco a pouco foi espertando o cadro noiés en defensa, concedendo menos, e en ataque, cun lanzamento ao pau de Brais como ocasión máis clara.


Foi coa entrada de Hugo como porteiro-xogador, a cinco minutos do descanso, cando os brancos por fin lograron controlar o ritmo do partido, en busca dun tanto que rozaron, tres veces incluso coa opción de conseguilo a porta baleira, pero que se lles resistiu. Respondendo á súa condición dun conxunto, a priori, chamado a loitar por todo, os locais castigaron ese desacerto co 3-0, grazas a unha recuperación na que os noieses pediron man do autor do tanto, Jaime Pan.


No reinicio, un paso adiante do Portus Apostoli B e un paso atrás do Stellae FS. Só lles faltou encontrar ese necesario gol aos noieses, que acabou converténdose por fin en realidade no minuto 30 por medio de Luis, en xogada de ataque con porteiro-xogador. O 4-1 de Mauro Liñares no 36’ apagou as esperanzas dos de Palmas, que o seguiran tentando sen baixar os brazos ata ese momento e continuaron así ata o último minuto, no que cun disparo exterior Pau reduciu distancias, mais Iago Couto restableceunas co 5-2 definitivo.

 

Ficha técnica


Stellae FS: Sergio Castelao (p), Nicolás Crespo, Iago Couto (c), Jaime Pan e David Quintás. Tamén xogaron Iván Parafita (p), Darío Pazos, Martín Torres, Mauro Liñares e Álvaro Iglesias.


Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Hugo, Pau e Dani. Tamén xogaron Insua, Manu Lorenzo (c), Álvaro, Luis e Brais.


Goles: 1-0 Iago Couto (5’), 2-0 David Quintás (12’), 3-0 Jaime Pan (18’), 3-1 Luis (30’), 4-1 Mauro Liñares (36’), 4-2 Pau (39’), 5-2 Iago Couto (40’).


Os colexiados Adrián Buján Barciela e Alejandro Godar Calvar amoestaron ao local Nicolás Crespo (36’) e aos visitantes Álvaro (11’) e o adestrador Palmas (18’).


Incidencias: partido correspondente á Xornada 13 da Terceira División, disputado no Pavillón Grupo Escolar de Padrón.

Comments


bottom of page