top of page

CRÓNICA X7 FILIAL (OUT 3-7 NPA B) | O filial resolve acaba goleando en Outeiro de Rei

Quinta vitoria da temporada do Portus Apostoli B, que se mantén terceiro na táboa, moi preto dos dous primeiros.

O Noia Portus Apostoli B venceu ao Outeiro de Rei SD a domicilio, na sétima xornada da Terceira División, por un resultado de 3-7 que os sigue asentando na parte alta da clasificación do campionato, ocupando a terceira praza con 15 puntos.


De que ía ser un partido físico e incómodo decatáronse os brancos xa nos primeiros minutos de encontro. O gol de Jorge no 4’, logo dunha combinación con Dani, permitiu afrontar ese inicio cun respaldo no marcador, que ben puido ampliarse froito das numerosas chegadas dos noieses ante un Outeiro de Rei SD que defendía con dureza e en bloque baixo, abocados en ataque ás transicións coas que gozaron de dúas importantes ocasións con dous disparos ao pau.


Unha xogada individual de Jorge no 18’ permitiu aumentar vantaxe aos noieses, que cometeron a segundos do descanso un erro que levou a un penalti a favor do Outeiro. Despois de que parara Marcos en primeira instancia, os colexiados mandaron repetir por unha suposta invasión da zona de golpeo de Álvaro. Na segunda si anotou José López para facer o 1-2 co que se chegou a vestiarios.


A reanudación non puido comezar mellor. Despexou calquera dúbida noiesa Dani co 1-3 no minuto 21, tras un xiro en zona de pívot. Púxose máis de cara a situación para os brancos coa expulsión de José López, logo dunha durísima entrada sobre Brais, e coa dobre amarela a Joel Baamonde desde o banco que deixaba aos locais con dous efectivos menos. Aproveitou cedo a situación de superioridade numérica o Portus Apostoli B, por medio de Dani, cun golpeo que significou o 1-4 no 28’.


Con máis de dez minutos por diante, o Outeiro de Rei introduciu o porteiro-xogador, co que puxeron en apretos aos noieses. Nun roubo de balón, Insua encargouse de poñer un pouco máis de terra de por medio e aproximar o triunfo aos seus. Encontrou algo de esperanza o conxunto local con dous tantos no 36’ e no 37’, afogadas cos goles finales de Jorge e Dani, conseguindo os dous así un hat-trick que deixaba rubricado o 3-7 definitivo.

 

Ficha técnica


Outeiro de Rei SD: Adrián Cobas (p), José López, Arturo Fernández, Alejandro Trigo e Rubén Carballo (c). Tamén xogaron Óscar Mouriz, Diego Seijas, David Román, Álvaro Rodríguez, Joel Baamonde e Yago Prado.


Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Jorge, Pau e Dani. Tamén xogaron Pablo (p), Insua, Álvaro, Manu Lorenzo (c), Brais, Hugo e Luis.


Goles: 0-1 Jorge (4’), 0-2 Jorge (18’), 1-2 José López de penalti (20’), 1-3 Dani (21’), 1-4 Dani (27’), 1-5 Insua (31’), 2-5 David Román (36’), 3-5 Arturo Fernández (37’), 3-6 Jorge (39’) e Dani (40’).


Os colexiados Jesús Magariño Miguéns e José Rafael Ortas Gómez amonestaron aos locais José López (amarela no 19’, cartón vermello directo no 27’), Joel Baamonde (24’ e 27’), Yago Prado (31’), Álvaro Rodríguez (31’), David Román (37’) e Rubén Carballo (37’). Nos noieses viron a amarela Pau (20’), Lucho (20’) e Álvaro (20’), ademais do adestrador Palmas (20’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 7 da Terceira División, disputado no Pavillón Municipal de Outeiro de Rei.

bottom of page