O cadro filialista non estivo realmente cómodo en ningún momento do partido e acabou sumando tan só un punto na visita do CD Beade ao Agustín Mourís.
Dous puntos se lle escaparon ao Noia Portus Apostoli B no seu duelo contra o CD Beade MVMB Copefri no Agustín Mourís. Os brancos non puideron impoñer o seu xogo ante a resistencia dos visitantes, que se puxeron por diante dúas veces e terminaron por rascar o empate.
Co pé esquerdo comezou o partido o cadro filial. Dani foise expulsado con vermella directa no minuto 7 por evitar un gol ca man practicamente sobre a liña. A piques estivo de deter o lanzamento de penalti Pablo, que supuxo o 0-1 de Ramón Veiga para os vigueses. Álvaro non tardaría en igualar de novo o marcador, cun lanzamento lonxano no minuto 11 que se colou na portería do CD Beade para devolver a tranquilidade aos noieses.
Porén, o Portus Apostoli B non atopou en ningún momento a súa mellor versión sobre a pista do Mourís, algo do que se beneficiou un CD Beade MVMB Copefri ben plantado en defensa e interesado nun ida e volta co que gozaron de dous lanzamentos á madeira e que foi a tónica de moitos minutos do encontro.
Precisamente nunha desas, o que foi unha ocasión perigosísima dos brancos desembocou nunha transición visitante e no 1-2 no 23’ de partido, obra de Pablo Rodríguez. Unha vez máis, e incluso con maior rapidez, voltou a replicar de inmediato o conxunto local co tanto de Brais, que se xirou de marabilla en posición de pívot despois de recibir o coiro a pase de Hugo, e convertiu cun certeiro disparo o 2-2 con dezaseis minutos por diante.
Un tramo de choque que non fixo máis que demostrar que non era o día do filial, espesos, sen finura en pista contraria e ata lastrados en defensa pola acumulación de faltas. Así, o partido transcurriu aberto, sen dono e con pouca orde, o que permitiu a ambos equipos ter opcións de decantalo da súa parte. Ningún as concretou, e a catro minutos do final Palmas optou por introducir o xogo de cinco nos seus.
Como se da prolongación do que se vira antes se tratara, apenas creou perigo o cadro local coa superioridade, e os visitantes incluso tiveron unha oportunidade clara de levarse o partido. Finalmente, reparto de puntos que non deixa nada contentos aos noieses, que a próxima fin de semana visitarán Redondela, en partido da novena xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Jorge, Brais e Hugo. Tamén xogaron Théo (p), Yago Vizoso, Insua, Manu Lorenzo (c), Pau, Dani e Lucho.
CD Beade MVMB Copefri: Xairo Quintela (p), Pablo Arturo Álvarez, Xandre Costas, Ramón Veiga e Brian Moreira. Tamén xogaron Adrián Ruiz, Pablo Rodríguez, Cristian Pérez, Héctor Méndez e Bosco Cividanes.
Goles: 0-1 Ramón Veiga de penalti (7’), 1-1 Álvaro (11’), 1-2 Pablo Rodríguez (23’), 2-2 Brais (24’).
Os colexiados Álvaro Darriba Rivas e Tania María Penabad Canel amonestaron, polos locais, a Pablo (27’), Jorge (30’) e o adestrador David Palmas (38’) con cartón amarelo e a Dani (7’) con cartón vermello directo. Polos visitantes, viron a amarela Bosco Cividanes (30’) e Ramón Veiga (38’), ademais do adestrador Gabriel Rodríguez (9’) e a delegada Marta Suárez (30’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 8 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments