Todo lle deu as costas aos noieses no duelo da Xornada 9 da Terceira División, que acabou saldándose cunha esaxerada derrota en A Marisma.
Volveuse de baleiro o Noia Portus Apostoli B de Redondela, logo dun partido no que nada saiu a favor dos noieses e que terminou cun excesivo resultado en contra dun cadro branco que suma con esta dúas xornadas sen gañar.
Na primeira xogada do encontro os de Palmas sufrían a lesión de Jorge, que unida ás baixas coas que xa viaxaran os noieses ao Pavillón A Marisma, decimaba máis o estado do equipo. Porén, o gol de Álvaro no minuto 3 deulle un punto de tranquilidade a un filial que se atopaba cómodo sobre a pista redondelana, xerando ocasións e bo xogo.
Pero, como síntoma de que o día ía do revés, nunha acción desafortunada, un lanzamento local desviado involuntariamente por Lucho convertiuse no empate no minuto 13. Tivo o Portus Apostoli B nas botas de Pau unha clarísima opción de facer o 1-2, pero o que chegou foi o 2-1, xa na segunda metade e de novo nunha xogada con rebotes e con gol en propia meta, esta vez de Brais, no minuto 27.
A fatiga comezou a facer acto de presenza nun curto de efectivos Portus Apostoli B no treito final do envite. Aproveitou iso o Redondela FS para facer o 3-1 no 34’, obra de Adrián Sancho, e empurrar aos noieses a introducir o xogo de cinco. Nin con esas puideron os brancos meterse de novo no marcador. Acabaron encaixando dous tantos nos segundos finais, ambos de Jorge Alonso, que significaron o 5-1 definitivo, penalizando en exceso a actuación dun cadro filialista moi castigado en A Marisma.
A próxima fin de semana o Noia Portus Apostoli B recibirá ao Distrito Ventorrillo FS na 10ª xornada da Terceira División.
Ficha técnica
Redondela FS Maramar: Sergio Prieto (p), Daniel Carreiro, Alejandro Pazos, Alberto Calderón e Juan Puertas. Tamén xogaron Koke Pereira (p), Jorge Alonso, Adrián Sancho, Nicolás Cuello e Nicolás López.
Noia Portus Apostoli FS: Marcos (p), Álvaro, Brais, Pau e Hugo. Tamén xogaron Théo (p), Álex Calvo, Yago Vizoso, Insua (c), Lucho, Jorge e Hugo Romero.
Goles: 0-1 Álvaro (3’), 1-1 Lucho en propia portería (13’), 2-1 Brais en propia portería (27’), 3-1 Adrián Sancho (34’), 4-1 Jorge Alonso (40’), 5-1 Jorge Alonso (40’).
Os colexiados Cristian Fernández Comesaña e Alejandro Godar Calvar amonestaron con cartón amarelo ao local Alejandro Pazos (15’) e aos visitantes Hugo (24’), Brais (26’), Pau (37’) e o adestrador Palmas (37’).
Incidencias: partido correspondente á Xornada 9 da Terceira División, disputado no Pavillón A Marisma de Redondela.
Comentarios