A pesar das dificultades, unhas impostas polo infortunio e outras polo criticable criterio dos colexiados, o filial noiés deu a cara e intentouno todo durante os corenta minutos ante o FS Pontedeume.
Moitas esperanzas postas na Copa tiña o Noia Portus Apostoli B. Unha competición sempre atractiva, interesante e que pode premiar o esforzó nos enfrontamentos directos. Toda unha ilusión tirada pola borda nos primeiros minutos “grazas” a unha actuación por parte dos colexiados que deixou moitísimo que desexar no Agustín Mourís e que privou aos afeccionados presentes no Municipal noiés de ver un espectáculo de fútbol sala.
No que vén sendo o deportivo, que durou pouco, os noieses comezaron plantexando unha presión máis reservada en defensa, ante un cadro visitante que optaba polos longos envíos a pívot como plan atacante. Pouco tardou o Noia Portus Apostoli B en facerse co esférico, máis aínda despois do desafortunado gol que abriu o marcador.
Unha internada por banda esquerda terminou cunha xogada para o olvido coa que Bruno terminou anotando en propia portería, no minuto catro, o 0-1. O inicio que querían os de Pontedeume para, a partir de ahí, comezar a realizar un partido pechado que dificultara os avances dos nosos, a través tamén dunha esaxerada agresividade que os colexiados non cortaban de ningunha maneira e sen amonestar a excesiva dureza visitante.
Un duro entramado defensivo que os de “Juve” lograron derribar no minuto oito, nunha acción de saque de esquina. Atento e oportuno estivo Iago para, no segundo pau, levar o balón ás mallas e poñer o 1-1 que facía máis xustiza ao que se vía no parqué.
O gol fixo moito ben ao Noia Portus Apostoli B, que gañou en confianza, pero pouco duraría ese estado. Nunha acción individual, Diego Pérez era claramente suxeito de penalti, mais o colexiado non consideraba tal, o que levou ás protestas do xogador que acabaron, nun incomprensible malentendido do propio árbitro, coa vermella directa para o dorsal trece.
Unha sensible baixa e unha inferioridade inxusta que se agravaría máis con outro claro penalti non sinalado sobre Iago e cando, apenas un minuto despois, Manu Lorenzo tería que retirarse do terreo de xogo e do partido mancado no nocello, curiosamente por unha acción fortuita e non por unha das varias que lle puideron custar unha amarela a algún xogador do FS Pontedeume, que abandonou Noia sen ver unha soa amonestación.
Cos dous capitáns fóra de xogo nun abrir e pechar de ollos, o resto de xogadores que seguiron defendendo a branca mantiveron a resistencia ata case o final en defensa de inferioridade, pero acabaron encaixando o 1-2 obra de Pablo Vázquez no minuto dez.
O guión continuou sendo o mesmo, co Noia propoñendo, o FS Pontedeume defendéndose e os colexiados mirando a outro lado, ou sempre vendo a mesma cara da moeda. Así, chegouse ao descanso coa vitoria momentánea dos visitantes.
Descanso, Noia Portus Apostoli B 1-2 FS Pontedeume
Con todo e as adversidades que estaban a sufrir os de “Juve”, o encontro seguía aberto e con opcións para os nosos. Porén, apenas na volta do descanso chegaba o 1-3, convertido por Juan Varela, que poñía máis dificultades no camiño branco.
Non quedou outra que tomar a valente opción de introducir o porteiro-xogador, con Bruno vestindo a camiseta. Sería el mesmo quen, no 27’, despois de varios ataques lograría reducir distancias e poñer o 2-3 que facía vibrar aos numerosos afeccionados presentes na grada do Mourís.
Mais os riscos a veces tamén traen consecuencias negativas, e nunha perda en superioridade os visitantes aproveitaron para facer bo un lanzamento lonxano mentres se realizaba o cambio de gardameta. Desta forma Juan Varela, no 30’, facía o 2-4.
Impotencia para os noieses por un resultado inmerecido, unido ao espectáculo arbitral que seguía a protagonizar a parella de colexiados. Así chegou a segunda amarela a David, que era condenado a encarar vestiarios por realizar unha dura entrada, froito da desesperación pola non señalización doutra anterior cometida polo FS Pontedeume.
Outra inferioridade que sería o camiño para os visitantes ao quinto gol, obra de Alejandro Garea. Unha milagre de proporcións industriais facía falta para que o partido non estivera visto para sentencia. Un cadro noiés mermado, con só cinco xogadores de campo, sometido a unha visión arbitral que facía a vista gorda a clarísimas infraccións visitantes e inventábase normas para ensinarlle unha última amarela aos brancos e darlle o balón aos visitantes, soamente deixaban o camiño a esa inspiración divina para unha remontada.
Co Noia Portus Apostoli B tentándoo igualmente co porteiro-xogador, con Chaky incluso avanzando a súa posición debido á falta de efectivos, morreu o partido, nos que houbo dous gañadores: o FS Pontedeume no marcador e o Noia Portus Apostoli B no orgullo do que nunca se rende. Tamén houbo oco para dous perdedores, os dous homes que vestían de amarelo.
Final do partido, Noia Portus Apostoli B 2-5 FS Pontedeume
No vestiario noiés tocará olvidarse deste pesadelo pero manter a actitude e garra amosados ante tanta adversidade e inxustiza. Agora virá unha semana de descanso perfecta para recuperar efectivos e descansar para volver á Liga, na que o próximo rival será, tamén en Noia, o Club del Mar San Amaro.
Ficha técnica:
Noia Portus Apostoli B: Chaky (p), Álvaro, Manu Lorenzo (c), Iago e David. Tamén xogaron Adrián (p), Bruno, Rafa, Diego Pérez e Churches.
FS Pontedeume: Diego Rodríguez (p), Juan Varela, Rubén Rico, Aarón Rodríguez e Alejandro Garea. Tamén xogaron Francisco Seijas, Marcos Cabana e Pablo Vázquez (c).
Goles: 0-1 Bruno en propia portería (4’), 1-1 Iago (8’), 1-2 Pablo Vázquez (10’), 1-3 Juan Varela (20’), 2-3 Bruno (27’), 2-4 Juan Varela (30’), 2-5 Alejandro Garea (32’).
Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Diego Pérez (9’), David Agraso (15’ e 30’) e Rafa (33’) e con cartón vermello directo a Diego Pérez (9’).
Commentaires