Emoción, alegría e moito sentimento | Así foi “A historia dunha Vila de Primeira”

O Teatro Coliseo Noela encheuse de afeccionados noieses para homenaxear ao capitán David Palmas e revivir o 26 de marzo do 2022, o día do ascenso, coa estrea do documental sobre o maior fito do club.
Palmas, xunto ao presentador César Méndez, no escenario do Teatro Coliseo Noela (foto: Pichero)

Pouco máis se lle pode pedir a unha tarde-noite redonda. Máis de dous centenares de persoas se reuniron no Teatro Coliseo Noela para facer do 22 de agosto un día para o recordo do Noia Portus Apostoli FS. “A historia dunha Vila de Primeira” é a proba da emoción, a alegría e o sentimento que os afeccionados noieses presumen orgullosos.


Ao acto, conducido polo presentador César Méndez, ademais de fans, asistiron numerosas personalidades do presente e do pasado do club que non se quixeron perder un acto máis que especial.


En primeiro lugar, tiveron a oportunidade de despedirse e homenaxear como se merece a un emocionado David Palmas, rodeado de familiares, amigos e ex compañeiros para a ocasión. Declaracións sobre a figura do santiagués por parte de algúns invitados presentes como Antonio Diz e Álex Diz, así como de Marlon Velasco, Lluc e Pirata, conformaron xunto ao vídeo especial, no que se incluían palabras de admiración por parte de ex compañeiros e ex adestradores de Palmas como Carlos Barrón, Rubi, Tomás de Dios e Pato, a exaltación á carreira do eterno capitán. Como colofón, recibiu un detalle por parte do presidente Severino Barreiro.


Non será o último recoñecemento, como anunciou o director xeral do club Javier Barreiro, xa que antes do primeiro partido ligueiro no Agustín Mourís, o santiagués, que seguirá ligado ao club en varias facetas, terá unha última despedida na pista na que defendeu as cores do Noia Portus Apostoli FS as últimas catro temporadas.


E desas catro, unha derradeira sobre a que xirou o plato forte da noite. O documental, homónimo da denominación do acto, permitiu a todos os asistentes lembrar a inmensa ledicia do partido do ascenso fronte o Leganés, con recordos doutros momentos que definen a historia recente do club e declaracións dos protagonistas que aportaron a visión máis humana e cercana do maior logro do Noia Portus Apostoli FS.


Unha lembranza que serviu para seguir impulsando o que será, xa de por si, unha temporada histórica para a entidade, e que demostra que sen o grande apoio social existente, este club nunca tería alcanzado estes altísimos niveis.


GALERÍA (fotos: Foto Pichero)