top of page

FILIAL | Freo á xeira en Vigo (5-3)

O Noia Portus Apostoli B saiu sen sumar da súa visita ao Pavillón Central As Traviesas, nun partido de moitos goles e reviravoltas.


Non puido ser a sexta vitoria consecutiva para o filial noiés. Os de Daniel Ventoso caeron derrotados no seu enfrontamento co Vigo 2015 FS, terminando así coa súa grandísima xeira de resultados.


Comezaría mal o encontro xa para o Portus Apostoli B, co 2-0 favorable aos vigueses en apenas oito minutos de encontro. Dous goles de Antón Rodríguez, o último a 24’’ do descanso, poñería xustiza a unha primeira metade na que, por ocasións e insistencia, sobre todo na superioridade pola expulsión do local Nelson, non merecían os noieses ir por detrás.


Coa inercia dos primeiros vinte minutos, a reanudación daría alegrías ao Noia Portus Apostoli B moi cedo, co tanto de Antón Arnejo para completar a remontada. Porén, un minuto para esquecer suporía dous tantos locais que resultarían definitorios. Xa cos noieses xogándose o todo polo todo co porteiro-xogador, chegaría a sentencia definitiva do Vigo 2015 co 5-3.


Os noieses buscarán a próxima semana, coa visita do Beade, regresar á senda do triunfo e recuperar o treito perdido na zona alta da táboa.


Ficha técnica:


Vigo 2015 FS: Diego González (p), Carlos Cifuentes, Gándara (c), Óscar Iglesias e Nelson. Tamén xogaron Joel, Alejandro, Bosco, Daniel e Brayan.


Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro (c), Iago, Antón Arnejo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Anxo, Insua, David Agraso e Diego Pérez.


Goles: 1-0 Alejandro (6’), 2-0 Daniel (8’), 2-1 Antón Rodríguez (9’), 2-2 Antón Rodríguez (20’), 2-3 Antón Arnejo (21’), 3-3 Brayan (27’), 4-3 Carlos Cifuentes (27’), 5-3 Daniel (39’).


Os colexiados Iria de Luis e Sergio López amonestaron aos locais Nelson (9’ e 11’) e Óscar Iglesias (18’).


Incidencias: partido da 18ª xornada do Grupo B da Terceira División, disputado no Pavillón Central As Traviesas de Vigo a porta pechada.


bottom of page