top of page

FILIAL | Goleada e salvación matemática asegurada! (7-1)

Cómodo triunfo do Noia Portus Apostoli B no Agustín Mourís que sirve para confirmar a permanencia e facerse un oco oficialmente entre os catro mellores do Grupo B da Terceira División.


Obxectivo cumprido. Con esa seguridade, a de certificar a salvación na Terceira División, saiu o Noia Portus Apostoli B na tarde deste domingo do Agustín Mourís, logo de derrotar por 7-1 ao Beade MVMB Copefri nun partido no que dominou desde o inicio.


Sendo os donos do balón e das ocasións, só os puntuais erros defensivos e os contragolpes dos visitantes podían facer tremer ao equipo branco. Así, no minuto oito abriuse a lata. Un golpeo axustado de Diego Pérez nunha acción de saque de esquina supoñía o 1-0 e quitarse de enriba a presión do primeiro.


Álvaro e Antón Arnejo ampliarian distancias aproveitando unha boa xogada de equipo e un contragolpe, respectivamente, que descolocaron ao Beade, obrigado a cambiar a estratexia para tentar sacar algo de Noia.


Na segunda metade, cos da provincia de Ourense apurados por meterse de novo no marcador, os brancos buscaron sentenciar o encontro a través das transicións. Tiveron que agardar, pero chegou. No 30’ Antón Rodríguez finalizaba á rede o 4-0 que deixaba os tres puntos practicamente amarrados.


O cuarto tanto empurrou aos visitantes a introducir o porteiro-xogador, fórmula que Álvaro castigaría para o seu doblete persoal e o 5-0, cun disparo desde a súa pista despois de roubar o coiro en defensa.


Desistiu o cadro vestido de negro da superioridade, mais non conseguiu maior premio. De feito, recibirían dous tantos máis, cos de Manu Lorenzo e o moi celebrado de David Agraso, que significaba a súa estrea goleadora nesta temporada, facendo boa a superioridade do catro para tres despois da expulsión dun rival.


A piques estivo Churches de repetir a sorte de David Agraso nun lanzamento de dez metros, pero o gardameta contrario estivo acertado para negarlle o oitavo gol. No último minuto o Beade MVMB Copefri atoparía o gol da honra para pechar o encontro.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 7-1 Beade MVMB Copefri


A dous partidos do final do Grupo B para os noieses, cúmprese matematicamente o obxectivo principal da temporada: a salvación. Agora, os de Daniel Ventoso céntranse en seguir sumando para terminar esta primeira fase como primeiros e acceder á fase de ascenso coa mellor posición posible. Un camiño que comezará recibindo na próxima xornada ao ADFS Bueu.


Ficha técnica:


Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro, Diego Pérez, Antón Arnejo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Sergio (p), Anxo, Insua, Manu Lorenzo (c), Churches e David Agraso.


Beade MVMB Copefri: Raimundo (p), Juan Manuel, Ramón, Alejandro e Carlos. Tamén xogaron Daniel Vázquez (p) (c), Xandre, Diego Jamardo, Samuel, Brais e Figueiras.


Goles: 1-0 Diego Pérez (8’), 2-0 Álvaro (11’), 3-0 Antón Arnejo (14’), 4-0 Antón Rodríguez (30’), 5-0 Álvaro (32’), 6-0 Manu Lorenzo (36’), 7-0 David Agraso (38’), 7-1 Figueiras (39’).


Os colexiados Yago Seijas e Marcos Vázquez ensinaron cartón amarelo aos locais Antón Arnejo (17’), Álvaro (22’) e Insua (37’), e aos visitantes Diego Jamardo (19’), Ramón (26’ e 37’), Figueiras (37’) e Carlos (39’).


Incidencias: partido da xornada 19 do Grupo B da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comentários


bottom of page