Cruel derrota do Noia Portus Apostoli B contra o ADFS Bueu, que aproveitou a súa capacidade en estratexia e os erros noieses para levarse o triunfo do Mourís.
Non puido o Portus Apostoli B sumar para acercarse ao máis alto da táboa. Nun partido no que levaron a iniciativa en todo momento, o ADFS Bueu soubo explotar ao máximo as súas virtudes para convertirse no primeiro equipo en irse de Noia cos tres puntos no peto.
Pouco tardou en romper o encontro, e no minuto dous o marcador xa lucía un 1-2, cos bueuenses remontando un gol en propia meta grazas a dúas accións de saque de esquina. Reaccionaron os noieses cedo, e aínda nos dez primeiros minutos, o tanto de Manu Lorenzo e dun xogador visitante na súa portería fructificaban a reviravolta.
A máis iría a vantaxe branca cando Álex Naranjo convertía o 4-2 logo dun bo disparo á saída dun saque de esquina. Con esa vantaxe tomaban folgos os noieses, con aínda 28 minutos por xogarse, mais que non traerían boas novas.
Acusando a sexta falta cometida, e xa despois dun penalti detido por Néstor, no último minuto antes do descanso os visitantes recurtaban distancias cun dez metros, prendendo a reacción bueuense que se viría abaixo co camiño a vestiarios.
Na reanudación sería o Noia Portus Apostoli B quen, de novo, asumía o dominio de balón e a busca do gol. Nunha desas, un balón solto terminou sorprendendo ao gardameta local para realizar o 4-4.
Partido novo con 17 minutos por diante e un cadro local con dificultades para superar a defensa en bloque baixo do ADFS Bueu, pensando en poder aproveitar as oportunidades que lle quedaran. E, como non, sería grazas a unha xogada a balón parado. Un disparo de falta convertíase no 4-5 a falta de seis minutos para o final, e a chamada para o xogo de cinco nos de Daniel Ventoso.
Ata o último segundo o tentaron os seus, mais de novo topándose coa defensa rival, a falta de acerto ou a súa propia frustración despois dunha tarde na que practicamente nada saiu ben aos brancos.
Con este resultado, o Portus Apostoli B xa non depende del mesmo para finalizar primeiro neste Grupo B da Terceira División. A falta dun partido por xogarse, cos noieses visitando a próxima semana Ourense, precisan vencer e agardar que non o fagan Ganomagoga IES Coruxo e Carballiño FS.
Pero, sexa como sexa o resultado final nesta primeira fase, a temporada dos nosos merece xa un aplauso: o obxectivo principal está máis que conquistado, todo o que veña agora e o que virá co PlayOff de ascenso a Segunda B será un premio que, iso si, loitarán ata o final.
Ficha técnica:
Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro, Diego Pérez, Anxo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Adrián (p), Power, Insua, Manu Lorenzo (c), Álex Naranjo e Iago.
ADFS Bueu: Alejandro Collazo (p), Lucas, Adrián, Diego Pouseu e Rafael. Tamén xogaron Sergio, Noel, Pablo, Rodri Blanco (c), Alejandro Miranda e David Dopazo.
Goles: 1-0 Diego Pouseu en propia portería (1’), 1-1 Adrián (1’), 1-2 Rafael (2’), 2-2 Manu Lorenzo (6’), 3-2 Rodri Blanco en propia portería (7’), 4-2 Álex Naranjo (12’), 4-3 Diego Pouseu (19’), 4-4 Lucas (23’), 4-5 Diego Pouseu (34’).
Os árbitros Marcos Noya e Francisco Sal de Rellán amonestaron con cartón amarelo aos locais Antón Rodríguez (18’), Power (19’) e Insua (39’) e aos visitantes Adrián (4’), Sergio (9’), Noel (34’) e Rodri Blanco (39’).
Incidencias: partido correspondente á 21ª xornada do Grupo B da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments