Buscar

FSF Villa de Cee-Noia Portus Apostoli B: máis que tres puntos en xogo

O filial afronta esta fin de semana outro encontro no que irá definindo a súa posición na táboa clasificatoria, visitando ao actual terceiro clasificado da competición, o FSF Villa de Cee (sábado 9, 20:00 horas).


Acción dun adestramento do filial noiés

Cando se enfrontan dous rivais moi cercanos na clasificación adóitase dicir que non se poñen en xogo tres puntos, senón seis. Ese é o caso do envite que afrontará este sábado nove de novembro ás 20:00 horas o Noia Portus Apostoli B, cando visite Dumbría para verse as caras co FSF Villa de Cee.


O cadro filialista encara esta quinta saída do curso logo de conseguir unha nova vitoria, a cuarta en catro partidos, diante da súa afección. “Si que na casa se xoga máis cómodo porque te sintes máis arroupado, tes máis confianza”, afirma o xogador do bloque noiés Diego Pérez, que tamén se mostra preocupado porque “non estamos empezando moi ben a temporada, e si nos serve para gañar tres puntos válenos en calquera xornada”.


O triunfo ante o Jogafan Ordes FS, como di o propio Diego, “si que da un pouco de confianza, pero nós temos que mirar cada partido por individual e olvidarnos dos resultados anteriores se queremos chegar aos obxectivos”, co aviso de que “se te confías coas vitorias, as derrotas tamén chegan”.


O xogador noiés destaca tamén a importancia do encontro desta fin de semana, ante un Villa de Cee que “vai ser un equipo que esté pelexando ahí arriba, ao mellor non por gañar a Liga, pero si por postos altos” polo que se os seus tamén queren estar por esas batallas, cómpre “sacar partidos adiante contra todos os equipos”. Un partido que para Diego será especialmente motivador polo propio rival, “é un equipo contra o que me gusta xogar porque son moi intensos, un tipo de partido dos que disfruto xogando”, afirma.


A temporada pasada, os brancos non lograron sacar puntos da súa visita, algo que Diego prefire olvidar para “pensar neste ano, somos outro equipo distinto, outros xogadores, outra experiencia e xogar pensando no presente non no pasado. É ganar para conseguir tres puntos, nada máis”, sentencia o dorsal trece.


A por eses tres importantes puntos irán os doce convocados de “Juve” este sábado ás 20:00 horas no Pavillón O Conco de Dumbría, no que se presenta como un dos partidos que seguirá definindo os camiños dos noieses.