Buscar

Ganomagoga IES Coruxo FS-Noia Portus Apostoli FS: o filial visita ao líder

Esixente proba ao estado de forma para o equipo de Daniel Ventoso, que viaxará a terras viguesas este sábado 27 para enfrontarse ao primeiro clasificado do Grupo B da Terceira División a partir das 19:30 horas.


Con dúas vitorias consecutivas por primeira vez na temporada, o Noia Portus Apostoli B afronta unha dura cita que poñerá en exame o seu bo momento en canto a resultados e sensacións, co desprazamento a Coruxo, para xogar diante do Ganomagoga IES Coruxo FS, líder do Grupo B da Terceira.


Os vermellos mantéñense no máis alto da táboa despois de completar unha primeira volta na que só tropezaron unha vez… e foi en Noia, cunha derrota por 5-4. A semana pasada, nunha xornada na que os noieses descansaron, tampouco foron quen de sumar os tres puntos, ao igualar 4-4 co Carballiño FS, segundo clasificado.


Son eses os dous únicos resultados negativos dun cadro que, froito das seis vitorias que acumula en oito partidos, presenta a súa seria candidatura para optar pola fase de ascenso. A mesma á que accedería o cadro noiés de acabar hoxe este primeiro tramo de campionato, debido á terceira praza que ocupa. Mais no vestiario son conscientes de que queda moito, e os sete partidos que restan para tentar asegurar a permanencia e, por que non, soñar con altas cotas, son sete finais.


A primeira chega este sábado 27 de febreiro a partir das 19:30 horas, nun Pavillón Central As Traviesas de Coruxo que acollerá un grande duelo entre dous dos equipos mellores clasificados do Grupo B, e que pode marcar un antes e un despois para o Portus Apostoli B.

2020-09-01.png