Buscar

Histórica participación no PlayOff de ascenso a Segunda B para o Noia Portus Apostoli B

-O cadro de Daniel Ventoso enfrontarase ao Valdesuso Peugeot Vilalba FS nos cuartos de final da fase de ascenso á terceira categoría nacional.


-Unha temporada por riba das expectativas dos brancos, que comezaron poñendo como obxectivo a permanencia e terminaron segundos do Grupo B.


Chega o tempo de soñar para o Noia Portus Apostoli B. A grande temporada dos rapaces de Daniel Ventoso, concluida co segundo posto no Grupo B da Terceira División, permítelles o acceso ao PlayOff de ascenso a Segunda División B, nunha campaña na que se propuxera como meta a salvación, na súa primeira participación na categoría.


Xunto aos noieses, outros sete equipos loitarán (os catro primeiros do Grupo A e os outros tres do Grupo B) polo ascenso, nunha fase de tres eliminatorias a ida e volta que comezará esta mesma fin de semana cos cuartos de final. Nesa ronda o Portus Apostoli B verase as caras co Valdesuso Peugeot Vilalba FS, terceiro no Grupo A e conxunto con experiencia na división. O primeiro encontro disputarase no Municipal de Deportes de Vilalba esta fin de semana, co Municipal Agustín Mourís acollendo o choque de volta a seguinte.


O resto de eliminatorias son:


ADFS Bueu-CD LugoSala


Carballiño FS-Concello de Begonte FS


Sport Sala FS-Ganomagoga IES Coruxo FS


O bloque filial xa pon as miras en traballar esta semana de cara a ese primeiro partido en Vilalba e en sacar o mellor resultado posible de cara ao de volta en Noia.