top of page

Noia Portus Apostoli B-Castroverde: coa urxencia de seguir gañando na casa

Recibe o Noia Portus Apostoli B ao Castroverde na xornada doce da Preferente Autonómica – Grupo Norte (domingo 1/12, Agustín Mourís) coa obrigación de manterse en perfecta forma como local.


Indicacións durante un adestramento

A saída da semana pasada do Noia Portus Apostoli B convertiuse, unha vez máis, no día da marmota, e xa van cinco consecutivos. Con esa mala costume que os noieses están a coller de non facer os deberes como visitantes, trócase imprescindible cumprir como local, unha materia na que, ata o momento, os de “Juve” non fallaron.


“Gústanos xogar na nosa casa, practicamos un bo fútbol sala e vese un equipo con moita alegría”, afirma Diego “Chaky”, gardameta do cadro filial, que, porén, non dubida en dicir que “a categoría esixe regularidade e cos puntos que obteñamos na casa non nos vai chegar para aspirar aos postos altos”.


E que os noieses son conscientes das súas “carencias” fóra da casa. “Sen dúbida é a nosa tarefa pendente esta temporada”, unha conta pendente que “Chaky” cre que “se conseguimos terminar con esta mala racha a domicilio, estou seguro que vamos a sentirnos máis cómodos fóra do Agustín Mourís e o equipo vai crecer moito”.


Para iso toca deixa atrás partidos como o pasado en Sarria. “Non estivemos para nada acertados, tanto na labor ofensiva como defensiva”, mais o peor sabor de boca quedou en que “a sensación non foi a de que o rival fose superior a nós”, en boa parte porque “os goles que condedemos foron erros nosos máis que méritos do rival”, expresaba Diego.


Nesta nova xornada os noieses recibirán a outro equipo que se sitúa por debaixo deles na clasificación, un Castroverde que con nove puntos parece destinado a loitar pola salvación. Aínda así e visto os exemplos anteriores, cero relaxacións no vestiario branco e toda a concentración posta nun, en palabras de “Chaky”, “partido importante, pos vimos de xogar un mal partido e necesitamos recuperar as boas sensacións”.


Para o porteiro está a ser unha temporada na que compite entre o primeiro equipo e o filial, unha situación na que “me sinto moi cómodo e estou gozando do fútbol sala”. Oxalá os seus afeccionados poidan gozar tamén dunha nova vitoria dos seus este domingo, coa que continuar soñando con facer cousas importantes.

bottom of page