Coa visita do líder da Preferente Autonómica – Grupo Norte a Noia (domingo 9, 19:00 horas, Municipal Agustín Mourís) o filial branco afronta un exame para medir as súas capacidades de loitar polo ascenso.
A proba do algodón para o Noia Portus Apostoli B. Un dos encontros señalados no calendario do campionato ligueiro. Un cadro noiés que sempre se vén arriba como local, invicto en canto a resultados na pista nesa condición, recibe a un inapelable líder, un Concello de Begonte FS que como visitante tan só coñece a vitoria, nove de nove.
Se os noieses chegan nunha racha de sete partidos seguidos sumando, con seis triunfos e un empate, os begonteños acumulan unha dinámica de nove partidos gañando, comezada despois de perder o único choque no que deixaron escapar puntos en toda a temporada ata a data, o 3 de novembro ante o FSF Villa de Cee.
Por tanto, ambos equipos encaran este enfrontamento co triunfo como vital para dar un paso de xigante nos seus obxectivos. No caso dos nosos, acrecentado despois do empate en Guitiriz que, en palabras do xogador Diego Pérez, “deixa un sabor de boca un pouco a derrota”. Un resultado que, sen paliativos, “obriga a gañar contra o Begonte”, sempre “xuntos e fortes como grupo, disfrutando das adversidades e apoiándonos”.
Diego atrévese a destacar este partido como “unha final” para manterse dentro da pelexa pola promoción de ascenso. “Se non gañamos este ponse moi difícil a situación de entrar no terceiro posto”, asegura. O dorsal trece do cadro filialista define ao Concello de Begonte como “un equipo moi xoven, que evidentemente está un paso por riba desta categoría como se plasma na táboa”, polo que son conscientes de que “é un partido difícil” mais sen enrrugarse porque “non nos consideramos menos que ninguén, e aportando cada un dende as súas virtudes, imos sacar o partido adiante, non lle temos medo a ninguén”.
A nivel persoal, Diego afirma que “agora mesmo encóntrome ben, pouco a pouco vou chegando ao meu nivel”, logo dun inicio de curso complicado. “Está claro que traballo e esforzo día a día obtéñense resultados. Non son unha persoa conformista, polo cal seguirei traballando duro para intentar conseguir as miñas metas”, sentencia.
Metas que esta fin de semana, máis concretamente o domingo, pasan por lograr uns tres puntos importantísimos para seguir perseguindo os obxectivos marcados por el e o resto dos seus compañeiros. Para iso, agardan un Agustín Mourís cheo de afección local que poña o ambiente ideal para unha tarde de fútbol sala e espectáculo.
Comments