top of page

Noia Portus Apostoli B-FS Pontedeume: o Agustín Mourís como bálsamo

Dúas semanas despois, o cadro filialista volverá a xogar diante da súa afición, recibindo ao FS Pontedeume (domingo 20, 18:00 horas) co obxectivo de gañar tras dous partidos nos que os de “Juve” non lograron sumar.



Ao remate do último encontro que, ata a data, disputou o Noia Portus Apostoli B no Agustín Mourís a táboa colocábaos na primeira praza da clasificación, invictos e máximos goleadores. Dúas semanas e dous partidos lonxe dos seus, a situación mudou.


Por iso, despois de dúas derrotas consecutivas, os noieses regresan a casa para mudar esa mala racha e tentar voltar á boa dinámica coa que comezaran o curso. Para evitalo estará o rival desta sexta xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte, outro vello coñecido como o FS Pontedeume.


Rivais a pasada temporada e as anteriores na Primeira Galicia, os encontros entre noieses e pontedeumeses son xa habituais ano a ano. Nesta ocasión chega con ambos posicionados nun lugar moi similar da táboa, xa que tan só un punto os separa.


Da mesma forma que os nosos, o FS Pontedeume deu a benvida ao curso con dous triunfos en dous partidos, mais nos tres seguintes encontros só conseguiu sacar dous puntos de nove posibles, o que os alonxou dos postos máis punteiros.


Polo tanto, será un choque entre dous equipos que intentarán lograr a vitoria para reengancharse a esa boa forma coa que iniciaron o curso e seguir amosando intencións de cara ao resto da competición.


O adestrador do filial noiés, “Juve”, xa deu a súa lista de convocados para o encontro, que se disputará este domingo 20 de outubro ás 18:00 horas.

Comments


bottom of page