top of page

Nova vitoria dun filial que xa é líder (9-3)

Os de “Juve” sentenciaron o encontro fronte o Restaurante O Korreo Guitiriz FS na segunda metade o seu terceiro triunfo en tres partidos, que os coloca no máis alto da táboa clasificatoria.


O filial durante un adestramento da semana pasada

Tres de tres partidos gañados e nove de nove puntos posibles para o Noia Portus Apostoli B, que volveu a amosar o seu acerto en ataque na visita do Restaurante O Korreo Guitiriz FS ao Agustín Mourís, na terceira xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte.


Comezou o encontro cos noieses facéndose fortes co balón despois dunha primeira ocasión visitante. Despois dunha serie de ocasións do cadro branco, no minuto catro chegaba o 1-0 que abría a lata do encontro.


Continuaron os locais a ser mellores sobre a pista, controlando o balón e posuíndo as mellores ocasións, co conxunto guitiricense limitándose a unha defensa de bloque baixo coa que intentaban recuperar a posesión e contraatacar á portería noiesa. En dúas desas xogadas acabaron conseguindo dúas accións de balón parado, unha de córner e outra de falta, das que sacaron petróleo para darlle á volta ao marcador con cinco minutos para o descanso.


Porén, os de “Juve”, da mesma forma que en Lugo, non baixaron os brazos e recompuxéronse na recta final do primeiro acto, dándolle de novo a volta ao electrónico do Agustín Mourís para poñer o 4-2 co que se chegou ao entretempo no pavillón municipal noiés.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 4-2 Restaurante O Korreo Guitiriz FS


Co obxectivo de evitar sustos, os locais saíron á segunda metade co pé no acelerador e non tardaron en aproximar os tres puntos ao seu carón. Tres dianas en cinco minutos puxeron o 7-2, unha distancia de cinco goles que semellaba insalvable para os guitiricenses.


Para intentar a sorpresa, o Restaurante O Korreo Guitiriz FS optou polo xogo de cinco, mais sen repercusións no marcador para o seu favor. De feito, en dous erros, primeiro nun pase en campo contrario e despois en saída de presión, os noieses serían quen de ampliar a súa vantaxe.


Co partido morrendo e os de “Juve” permitíndose probar o porteiro-xogador, nunha xogada na que os visitantes buscaban o contragolpe chegou a sexta falta noiesa, que se convertiu no gol desde os dez metros para o 9-3 a tres minutos do final. Aínda tería unha nova oportunidade clara o conxunto branco para o décimo tanto, pero o lanzamento de falta que dispuxo, xa co tempo cumprido, non contou para o marcador.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 9-3 Restaurante O Korreo Guitiriz FS


Continúa o inicio perfecto do Noia Portus Apostoli B unha semana máis, que na próxima xornada, a cuarta da Preferente Autonómica – Grupo Norte, terá un exame cando os de “Juve” visiten a cancha do Concello de Begonte FS, un dos tres conxuntos xunto co propio Noia Portus Apostoli B e o Insuas do Miño Rábade FS, que mantén o inicio perfecto de 9/9 puntos posibles.


bottom of page