Pola mínima o Noia Portus Apostoli B viu escapar os tres puntos, nun partido no que chegou a dominar ao primeiro clasificado e no que terminou protestando algunhas controvertidas decisións arbitrais.
Como o día anterior co primeiro equipo, a afección noiesa non fallou e asistiu ao Agustín Mourís para converterse no sexto xogador do cadro filialista, nunha grada tamén coloreada con afeccionados do equipo visitante. Un ambiente que se correspondía coa importancia dun encontro entre un Noia Portus Apostoli B apurando opcións de manterse na carreira polo ascenso e un Concello de Begonte FS en busca de dar outro paso de xigante cara o título ligueiro.
Quinto e primeiro clasificado comezaron o encontro amosando unha grande intensidade e ritmo sobre o parqué noiés. Co físico aínda enteiro, as defensas primaron sobre os ataques, mitigando calquera mínimo erro que puideran cometer na circulación de balón, provocando así que non houbera demasiadas ocasións claras.
Pouco a pouco ambos ataques fóronse soltando máis, propiciando chegadas a cada portería que facían indicar que o marcador se podía abrir en calquera momento, cos locais creando perigo en accións veloces e os visitantes sobre todo a balón parado. Porén, o primeiro gol chegaría nun erro en saída de presión dos brancos, que cun disparo lonxano aproveitaba Francisco Pastor para o 0-1.
Un 0-1 que cedo se demostraría que non sería xusto, xa que o Noia Portus Apostoli B disporía de numerosas oportunidades para, polo menos, nivelar de novo o encontro. Por desgraza, os noieses non conseguirían superar a resistencia visitante, cunha notable actuación do porteiro de Begonte baixo paus que propiciaba que os seus foran a vestiarios dominando no electrónico pola mínima.
Descanso, Noia Portus Apostoli B 0-1 Concello de Begonte FS
Co claro obxectivo de darlle a volta ao marcador saía o cadro noiés á reanudación. Unha vez máis continuaba o asedio sobre a portería rival, coas ocasións máis claras nas botas de Loren, Sergio Quílez e Manu Lorenzo.
Mais de novo o partido sería cruel cos esforzos noieses, xa que noutra pérdida en zona sensible o Concello de Begonte aproveitaba para plantarse diante do porteiro local e superalo, por medio dun Daniel Varela que no 24’ aumentaba a renta dos seus.
Unha situación adversa á que os brancos responderon introducindo o porteiro-xogador, con Iago vestindo a camiseta. En apenas dúas xogadas a estratexia surtiu efecto, e o propio Iago, a pase de Manu Lorenzo, reducía vantaxe a porta baleira tan só un minuto despois do segundo golpe visitante.
Unha diana que aportou toda a forza mental que parecía escorrerse cos fallos anteriores de cara a portería. O efecto do 2-1 prolongouse ata o 2-2 no 27’, momento no que Rafa destapou o tarro das esencias para converter cun taconazo de espaldas no aire un envío de Loren.
Comezou a crerse capaz de todo o cadro filialista a partir deste segundo tanto, e as chegadas ao marco rival eran continuas en procura do terceiro tanto. A afección correspondía ao tesón e intensidade amosados polos seus, que provocaban os erros do Concello de Begonte FS.
Así, no 30’ chegaba ese terceiro tanto, obra dun Sergio Quílez que cun bo remate desde banda esquerda aloxaba o esférico nas redes, o que repetiría apenas cinco minutos despois para anotar un 4-2 que desataba o éxtase do Mourís que vía como o seu equipo aínda era quen de xerar máis oportunidades perigosas.
Para ese momento os visitantes xa probaran a opción do cinco para catro, aínda que sen froitos, xa que de feito os brancos tiveron algunha que outra ocasión máis de lograr o quinto tanto en remates lonxanos.
Desgrazadamente, nunha rápida acción dos de Begonte chegaría o 4-3, no minuto 36, con Borja Silvosa definindo a pracer para reducir distancias. Un importante gol que tería a súa continuación no 37’, con de novo Borja Silvosa rematando á rede, esta vez unha xogada de balón parado.
A tres minutos para o final introducíase un novo escenario, con ambos conxuntos conscientes da importancia do seguinte gol. Nesa situación, as cinco faltas visitantes tomaron papel protagonista, coa sexta por man provocando o dez metros favorable aos nosos.
Lastimosamente, o disparo de Sergio Quílez era detido polo gardameta, deixando ir unha grande ocasión.
Continuaban as espadas por todo o alto cando, a 44 segundos do final, os colexiados ensinaban o segundo cartón amarelo a Manu Lorenzo, o que propiciaba que os de “Juve” tiveran que aguantar ata o final cun xogador menos. Foi nese momento cando se desatou a grande polémica do encontro.
Aguantaron os noieses o primeiro ataque visitante en superioridade, para a continuación buscar un contragolpe rápido. Nesas, Loren avanzaba pola banda cando foi trabado por un rival, nun contacto claro que os colexiados, ao lado un deles da xogada, non consideraron punible. Na inmediata xogada seguinte o Concello de Begonte FS lograba o 4-5, por medio de Brais Cereijo. A controvertida acción desatou as protestas noiesas, que se saldaron coa doble amarela a Álex Naranjo.
Tentouno ata o final neses últimos segundos o Noia Portus Apostoli B, xa con igualdade, pero sen sorte para firmar o mínimo resultado que se merecía.
Final do partido, Noia Portus Apostoli B 4-5 Concello de Begonte FS
Moi boas sensacións polo grande partido desplegado polos noieses, nun ambiente idóneo para tal cunha entregada afección local, empañadas por un final marcado polo nerviosismo arbitral, cunha parella que demostrou durante todo o partido ser incapaz de manexar o mesmo, evidenciado nos momentos decisivos. Duro resultado que alonxa o soño de loitar polo ascenso, xa que os noieses manteñen a quinta praza, mais con cinco puntos de desvantaxe sobre o cuarto e once sobre o terceiro, posición que dá acceso á promoción de ascenso. Agora, punto e seguido á Liga, xa que chega o parón para disputar o torneo copeiro da competición nas próximas semanas.
Ficha técnica:
Noia Portus Apostoli B: Denis (p), Diego, Loren, Iago e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Álvaro, Rafa, Sergio Quílez e Álex Naranjo.
Concello de Begonte FS: Jorge Rodríguez (p), Brais Cereijo, Daniel Jove, Yago Tizón e Borja Silvosa (c). Tamén xogaron Alejandro Villegas, Daniel Varela, Ricardo Núñez, Brais Ansede, Jacobo Seijas e Francisco Pastor.
Goles: 0-1 Francisco Pastor (11’), 0-2 Daniel Varela (24’), 1-2 Iago (25’), 2-2 Rafa (27’), 3-2 Sergio Quílez (30’), 4-2 Sergio Quílez (35’), 4-3 Borja Silvosa (36’), 4-4 Borja Silvosa (37’), 4-5 Brais Cereijo (39’).
Os colexiados amonestaron aos locais Loren (13’), Sergio Quílez (26’), Bruno (31’), Manu Lorenzo (37’ e 39’), Diego Pérez (38’), Álex Naranjo (39’ e 39’) e Adrián (39’) e aos visitantes Borja Silvosa (9’), Ricardo Núñez (9’), Brais Cereijo (12’) e Yago Tizón (34’).
Komentáře