Buscar

O filial cae por segunda xornada consecutiva en A Coruña (8-7)

Os de “Juve” volveron a protagonizar un partido marcado polos goles, pero nesta ocasión, da mesma forma que a semana pasada en Begonte, non foron quen de facerse cos tres puntos.


Imaxe dun adestramento do equipo filial

Volver ao camiño da vitoria era o obxectivo dun decimado filial, que viaxaba a A Coruña só con sete xogadores de campo e dous porteiros, no seu encontro fronte o Club del Mar FS, o segundo seguido como visitante.


A primeira metade foi escenario dunha boa suma de goles. Comezaron os locais disparando primeiro, cun 2-0 no minuto oito que complicaba as cousas aos noieses. Tan só un minuto despois chegaba o tanto que reducía distancias, mais os coruñeses volverían a ampliar a súa renta con dous tantos no minuto 13 que servían para o 4-1.


De novo tentaba reaccionar o cadro branco, que no 15’ atopaba a diana que poñía o 4-2, pero a menos de sesenta segundos para retirarse a vestiarios, o Club del Mar FS volvía a encontrar a senda do gol para colocar o 5-2 co que chegaba o descanso.


Descanso, Club del Mar FS 5-2 Noia Portus Apostoli B


Quedaban vinte minutos para a reacción noiesa, que se complicaría un pouco aos 24’ de xogo cando os locais vían portería de novo. Un 6-2 que poñía as cousas máis costa arriba para os nosos, que tomaban a decisión de introducir o porteiro-xogador.


Melloraron os de “Juve” con esta manobra, anotando catro dianas que os aproximaban no electrónico a un só gol de diferenza, despois do sétimo conseguido polos coruñeses. Entrando nos últimos cinco minutos, o seguinte gol semellaba que podería marcar o devir do encontro e decidir o gañador.


E así sería, porque no 36’ chegaría o 8-6 do Club del Mar FS, que o Noia Portus Apostoli B sería quen de volver a reducir a un tanto co xogo de cinco, pero non de lograr algún gol máis que lle permitira non irse de baleiro de A Coruña.


Final do partido, Club del Mar FS 8-7 Noia Portus Apostoli B


Despois desta segunda derrota consecutiva, o Noia Portus Apostoli B mantense cuarto clasificado con nove puntos, seis por detrás do líder e oito por riba da zona de descenso. Na próxima xornada, a sexta, os de “Juve” recibirán no Agustín Mourís ao FS Pontedeume, inmediato perseguidor na táboa ao posicionarse quinto con oito puntos.