top of page

O Noia Portus Apostoli B xogará na Terceira División

O filial branco xogará na cuarta categoría nacional froito da ampliación do número de equipos nesta, que pasará a estar conformada por dous grupos.


A Real Federación Galega de Fútbol confirmaba esta semana ao Noia Portus Apostoli FS a noticia do ascenso do seu cadro filial á Terceira División para o curso 2020/2021. Os méritos deportivos acadados a temporada pasada propiciaron que, tras a reestructuración da competición, o filial branco logre un oco na cuarta categoría do fútbol sala nacional.


Desta forma, o Noia Portus Apostoli B alcanza a cota máis alta da súa historia, despois de varios cursos entre a Primeira Galicia e a Preferente Autonómica. O cadro filialista competirá no denominado Grupo B desta renovada Terceira División, que constará de once equipos da zona sur de Galicia. Por outra parte, outros once equipos formarán o Grupo A, constituíndo así a Terceira División galega de fútbol sala.


O adestrador do Noia Portus Apostoli B, “moi contento” ante esta noticia


Daniel Ventoso “Juve” seguirá a ser o adestrador do Noia Portus Apostoli B na 2020/2021, cumprindo así a súa segunda temporada consecutiva á fronte do cadro filialista. A raíz da noticia do ascenso amósase “moi contento polo grupo e polo traballo realizado”, e catalogao de “un éxito de todos: club, xogadores, técnicos, directiva e afeccionados”.


Cúmprese así un obxectivo de club que era o de ter un filial “formado por rapaces xóvenes sub-23” en Terceira “a curto/medio prazo”, aínda que recoñece Ventoso que “non agardabamos logralo no primeiro ano, a pesar de que o club puxo todo da súa parte para que así fora”.


Mais queda pouco tempo para celebracións e dende a directiva e o corpo técnico xa traballan para o novo curso. “O que temos claro”, afirma “Juve”, “é que ten que estar formado -o equipo- por xente moi xoven, que poidamos seguir formando para que estén preparados para cando teñan que botar unha man ao primeiro equipo no que sexa preciso”. Unha liña a seguir, por tanto, para ser “un referente para os rapaces máis pequenos da canteira”, conclúe. E falando da próxima campaña, o adestrador é claro afirmando que o obxectivo “vai ser loitar pola permanencia” coas características de ser un equipo xoven e que recén se ve nesta posición, algo que os dificulta a confeccionar na mellor forma posible o equipo, aínda que “seguimos traballando niso”.


A iso hai que unir a incertidume do inicio da Liga, algo que “Juve” define como “unha situación moi complicada, pero creo que tarde ou cedo teremos que volver a unha nova normalidade, cun protocolo que seguimos agardando” para poder volver a gozar dun deporte que é “moi beneficioso para todos e moi importante na sociedade”.


Dende o club aprezan o conseguido como “fundamental a nivel institucional”


Javier Barreiro, director xeral do club, ve este logro como “un paso importante para os rapaces xóvenes do club, que nos permite seguir crecendo pouco a pouco deportivamente”, así como tamén se presume “fundamental a nivel institucional” e da mesma forma “un paso clave para poder atraer xóvenes que poidan formarse e axudar ao primeiro equipo”, quen se pode beneficiar e pode ser un engadido “a nivel organizativo de cara ao futuro pode axudar a planificar cousas diferentes e dar outros enfoques en certas decisións”.


“Pouco a pouco vanse conseguindo obxectivos”, etiqueta Barreiro, e para esta nova misión plantexa como meta “sen lugar a dúbidas a permanencia”. Como motivos para situar a salvación como meta fixa que “é algo que chegou a última hora, sen apenas marxe de poder planificar” e polo simple feito de ser “un salto de categoría, que sexa ao nivel que sexa xa é complicado”.


Na directiva, en colaboración co corpo técnico filialista, xa están mans á obra “desde hai uns días, barallando cousas e intentando organizar todo, algo comprimido e rápido” pero que, vista a positiva noticia, “benvido sexa”. Da data final que se marque como inicio do campionato ligueiro dependerá moito ese tempo de traballo. “Agardamos que a data de inicio sexa o antes posible”, expresa o director xeral, “porque eso sería bo para o deporte e tamén porque indicaría que sanitariamente estamos moito mellor”.

Comments


bottom of page