Buscar

O Noia Portus Apostoli FS buscará unha praza na final da Copa Galicia o 10 de outubro

A RFGF anunciou que se porá fin á edición 2019/2020 do torneo galego, que o cadro noiés deixou coa volta de semifinais ante o Santiago Futsal pendente de xogar. O partido de volta ante os santiagueses xogarase coa presenza das cámaras da TVG.


Esta semana a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) daba a coñecer unha nova moi agardada no seo do Noia Portus Apostoli FS e dos outros tres equipos aínda en liza no torneo máis galego: daráselle un desenlace á Copa Galicia 2019/2020.


Paralizada pola crise sanitaria provocada pola COVID-19, a competición quedara nese estado de stand-by na fase de semifinais, nas que os de Marlon Velasco xa se viran as caras co Santiago Futsal o 26 de febreiro no encontro de ida, finalizado cun marcador de 3-4 favorable aos nosos.


Case oito meses despois, o 10 de outubro ás 17:00 horas, o Agustín Mourís acollerá o partido de volta, do que sairá o segundo finalista da Copa Galicia 2019/2020, despois de que O Parrulo Ferrol e Pescados Rubén Burela diluciden o primeiro o próximo 28 de setembro.


O partido contará coa presenza das cámaras da TVG, que emitirán en directo o encontro nunha das súas canles.