Buscar

Os afeccionados reaccionan á clasificación ao PlayOff: “para o pobo de Noia é un orgullo”

Despois de lograr o pase á definitiva fase de ascenso a Primeira, falamos con algúns dos seguidores do Portus Apostoli para reflectir as súas sensacións e sentimentos sobre o logro acadado polo seu equipo.


Se hai alguén que merece o conseguido polo Noia Portus Apostoli FS ata a data, e que tamén traballou por facelo realidade, esa é a afección. O sexto xogador en cada partido no Agustín Mourís e un apoio desde casa neste complicado momento sanitario cando aos de Marlon Velasco lles toca viaxar.


Por iso, nesta semana de repaso a protagonistas e das súas reaccións á clasificación ao PlayOff de ascenso a Primeira, non podía faltar unha representación dos afeccionados do noso club.


“É moi sinxelo de responder, orgullo, un inmenso orgullo”, amosa Ángeles Blanco, seguidora do Noia Portus Apostoli desde hai moitos anos, quen se sinte identificada cuns “rapaces que saen cada sábado a pelexar, que nos fan vibrar e saltar nas gradas ou no sofá das casas”, aos que “só se me ocorre darlle as grazas, aos que saltan á pista e aos que están por detrás facendo todo o posible porque o nome do pobo de Noia se pasee por toda España con orgullo”, algo polo que Ángeles lles transmite as “grazas a todos, felicidades equipo e directiva”.


Sobre o “orgullo” incide Ángel Méndez, afeccionado e membro da Peña Frente Berberecho, os máis ruidosos cada sábado de partido no Agustín Mourís. “Hai que darse conta de que o Noia é un equipo moi humilde, con catro temporadas en Segunda, e nótase o traballo ben feito”, expresa.


Ademais, Ángel reflicte o impacto do fútbol sala e do Portus Apostoli no día a día da vila: “vas pola rúa e todo o mundo fala de fútbol sala, pregunta… vese á xente moi ilusionada”. Ilusionada por un momento histórico para o que Ángel lle pide aos xogadores que “disfruten do PlayOff, non se vive esto todos os anos e hai que aproveitalo… e se pasa o tren pois a subirse”, pecha.


“Plenamente entusiasmado e moi emocionado” se amosa o seu compañeiro na Peña, Carlos Barros, habitante de Corrubedo pero afeccionado do Noia Portus Apostoli FS principalmente “pola gran labor que está realizando Marlon Velasco, que para min é un referente a nivel de adestrador”.


Carlos opina que “este PlayOff vai poñer a Noia nun punto moi importante do panorama nacional do fútbol sala” e valora “o traballo que se está facendo, o esforzo dos xogadores e da directiva”. Aos primeiros pídelles que “disfruten deste PlayOff e que o deixen todo na pista”, mandando unha mensaxe á afección: “todo o mundo que teña a oportunidade de vir ao Mourís que anime ao seu equipo ao 100%, que se note nestes últimos partidos, que o equipo estea arroupado e que todos gocemos”.

2020-09-01.png