top of page

Os Alevíns terminan subcampións en Marín

Despois de dous días de aprendizaxe e diversión, os Alevíns a piques estiveron de levarse o ouro no V Torneo Nacional Antonio Suárez.


Os integrantes do equipo alevín xunto co seu adestrador, Diego Pérez, e as medallas logradas

Os nosos Alevíns firmaron esta fin de semana pasada unha actuación espectacular no V Torneo Nacional Antonio Suárez, en Marín. Acudían ao torneo invitados polo organizador, o ED Marín, e quedaban encadrados no Grupo B xunto o EFS Salnés, o Movistar Inter e o anfitrión, o ED Marín El Nao.


O factor de xogar tres partidos nun mesmo día non pesou para os nosos Alevíns, capaces de sumar en todos os partidos, derrotando ao EFS Salnés (4-2) e empatando fronte o ED Marín El Nao (3-3) e ante todo un Movistar Inter (2-2), o que lles valeu o acceso aos adestrados por Álex “Petetes” e Pablo López ás semifinais do domingo.


Nelas agardaba o Ancora d’Ouro, ao que derrotaron por 5-1, para culminar o seu camiño a unha final a onde se volverían a ver co Movistar Inter. Os nosos, adestrados o domingo por Diego Pérez, puxéronlles as cousas moi difíciles aos de Torrejón durante todo o partido, pero despois de adiantarse co gol de Eloy, non puideron evitar os dous tantos cos que os interistas lle daban a volta ao marcador e vencían o encontro.


Aínda que unha derrota na final deixe o sabor agridoce, trátase dun resultado marabilloso, un segundo posto ante grandes equipos que deixa patente o bo traballo dos nosos Alevíns, capaces de competir e disfrutar á vez, como demostraron en Marín durante estes dous días. Moi orgullosos de vós!

bottom of page