top of page

POST PARTIDO | Marlon: “Contento porque tiñamos a responsabilidade de superar a eliminatoria”

O técnico do Noia Portus Apostoli FS reflexaba a súa satisfacción pola actuación do seu equipo e o resultado conseguido no Paco Paz de Ourense, co que asinaron o seu pase a semifinais do torneo autonómico.

Superou sen problemas o encontro de debut na XXX Copa Galicia o Portus Apostoli, algo polo que o técnico Marlon Velasco confesaba estar “contento porque tiñamos o obxectivo e a responsabilidade de superar esta eliminatoria de cuartos de final para intentar facer o noso camiño nesta competición, volver a esa final”. Agora para iso “temos que superar en semifinais ao gañador do Lugo Sala-Burela, pero era importante vir aquí e pasar a eliminatoria”, recalcaba.


En canto ao encontro, “o inicio do partido foi bastante bo, saímos moi serios e conectados, sabendo o que tiñamos que facer. Neste tipo de partidos a motivación é importante, e o equipo saiu disposto a non dar opcións ao rival”. Destacou Velasco que “estivemos ben en axuste en situacións de porteiro do outro equipo, e xeneramos moito a partir do roubo de balón”, un dos factores que deixou claro na primeira metade “a nosa superioridade e tamén o respecto que tiñamos ao rival, basicamente porque é un bo equipo que na súa Liga se manexa ben”. Na segunda metade, iniciada con 0-7, “cumprir co expediente, que pasara o tempo e terminar o partido. Noraboa ao equipo pola vitoria, o traballo e o respecto amosado ao adversario”.


Sobre o debut de Pau, “deixando de lado un pouco o gol, alégrome de que tivera esa recompensa”, Marlon afirmaba que “é unha convocatoria máis que suma e hoxe estaba claro que se daban os condicionantes para que puidera entrar. Leva desde o 3 de agosto adestrando con nós, está facendo un esforzo con moito gusto e merecía poder gozar dalgúns minutos e sentirse parte protagonista. Que siga mantendo esa paixón e ilusión polo fútbol sala”, pechaba.

Comments


bottom of page