Un moi feliz técnico noiés reflectía ao término do encontro as emocións e sentimentos despois de proclamarse campións de Copa Galicia en Marín.
Un dos culpables é o adestrador Marlon Velasco, que comezou a súa intervención post partido parabenizando a O Parrulo, “un moi digno finalista, un partido que se decide nos penaltis fala moito e ben do adversario”, así como agradecendo “o papel nesta competición de Sala Ourense e Burela, os equipos aos que nos enfrontamos, creo que é xusto recoñecer o seu bo facer”, á Real Federación Galega de Fútbol e á toda organización “por todo o de hoxe, unha festa do fútbol sala” e lamentou que “non tivera a visibilidade que merecía por parte da televisión pública galega”.
Como non podía ser doutra forma, Velasco amosábase “moi contento e orgulloso, quedábanos gañar esta competición para pechar o círculo completo”, dándolle “moito mérito o que conseguimos, é unha competición ao que club e afección teñen moito cariño, o equipo igual e despois de catro temporadas en Noia e en Galicia tamén é importante para min”. Desde o vestiario noiés eran conscientes de que resultaría “moi complicado gañala porque nos tocaba no camiño o único representante galego en Primeira e despois unha final sempre é difícil, nada ten que ver co que nos enfrontamos antes, todo o que envolve a este partido, o ambiente, a afección, xeran un nivel de motivación e ilusión moi alto”.
Sobre o partido, Marlon afirmaba que “o rival ten un cuarteto de Primeira División e pola súa forma de xogar, a situación de Adri, as incorporacións de Gozi, o porteiro-xogador, é un partido que esixe moito a nivel concentración e require un plan partido moi específico”.
Os seus foron capaces de parar todo iso, “fixeron un partidazo”, expresaba, a pesar de ter que “pelexar contra un gran rival” e “tamén contra un dos dous árbitros, xa o coñecemos e tivemos moi malas experiencias ata a data. Sabiamos que era un condicionante importante, viuse na primeira metade, na que tivemos que defender un penalti e dous dez metros, e o partido terminámolo con cinco falta nós e cero eles”, laiábase.
Faltou acerto na finalización e o partido encarouse aos penaltis. Como xa dixera nas semifinais, Marlon incidiu en que “non son unha lotaría, é algo ao que lle adicamos unha parte importante da última semana e media de traballo. Estabamos mentalizados de que si chegabamos había que gañar”. E así foi. “Gañamos dúas tandas, non creo que sexa casualidade. O mérito que corresponde a Marcos, hoxe tivo a súa oportunidade e aproveitouno”, quixo concretar.
Por último pero non menos importante, Marlon Velasco reflectiu o seu sentir sobre a afección noiesa. “Súper orgulloso e agradecido, contento de que puideran vivir o proclamarnos campións con nós, para eles esta Copa”, afirmou.
“O que fixemos este ano non se consigue todas as temporadas, agora será máis complicado. Seguiremos pelexando outras competicións como a Copa Galicia ou a Copa do Rei”, expresaba Velasco, aínda que agora, despois de “parabenizar e agradecer ao equipo, fun un privilexiado por podelos adestrar, gocei moitísimo”, toca “un merecido descanso, valorar as cousas, pensar, pasamos a unha categoría nova, o club vai ter que tomar decisións pensando máis coa cabeza que co corazón. A mellor forma de terminar unha temporada moi moi boa era gañando a Copa Galicia que era o que nos faltaba”, pechou.
Comments