top of page

POST PARTIDO | Marlon Velasco: “Resultado positivo, pero a eliminatoria non está pechada”

Gañou o Noia Portus Apostoli, que se aproxima á final da XXX Copa Galicia. Sobre o triunfo do seu equipo no Agustín Mourís falou o técnico noiés ao término do encontro.

Un pasiño máis cerca da segunda final consecutiva de Copa Galicia, a falta do partido de volta. Os noieses sacaron “esa pequena vantaxe que tiñamos a intención de sacar xogando na casa”, como confesaba o seu técnico Marlon Velasco, que incidía sobre a importancia “chegar con opcións á volta, plantexar a eliminatoria en 80 minutos e non 40 e entender que nos enfrontabamos a un equipo de Primeira División, que pese a que é o colista ten grandes xogadores con moita experiencia”.


“Moi contento” se amosaba Marlon Velasco por sacar adiante o plan establecido, e sobre todo por facelo despois de Benavente, dun “mal partido, con non moi boas sensacións, moitos goles en contra” e faltaba “ver a resposta do equipo ante esa última imaxe que demos, que non é a que queremos dar. Nese sentido, súper contento pola reacción do equipo e o nivel competitivo”.


Porén, Velasco ten claro que “o resultado, aínda que é positivo, tampouco é unha eliminatoria pechada. Quedan corenta minutos que van ser durísimos na súa pista”. Para eles se centran agora nestas semanas que teñen para prepararse para a volta e focalizarse “sobre ese obxectivo porque hoxe demostramos que o podemos conseguir”.


Entrando no discurrir do partido, “cousas boas e non tan boas”. Empezou mal co 0-1 e co rival tendo preto o 0-2 “nunha situación moi clara de pérdida nosa”, pero pouco a pouco espertou o Noia. “Levamos o peso, tivemos profundidade, xeramos ocasións, roubamos, transitamos, sufrimos pouco na defensa posicional…”, numeraba con satisfacción o adestrador branco.


O empate chega cunha dose de fortuna pero buscada polos noieses, nunha acción de saque rápido de esquina, “da mesma forma que metemos na segunda metade o 2-1”, esta vez en saque de banda, ambas “situacións ás que lle damos moita importancia”. O 3-1 coa recuperación de Lluc e o gol de Bruno Gomes abre unha distancia que cedo recurta Burela: “piden tempo morto, pensabamos que ían sacar porteiro-xogador pero non o fan, e na primeira situación post saque de centro supérannos no un para un, non estamos ben no reaxuste defensivo e eles fano ben e xírannos ben o balón”, relataba Velasco, contendo tamén de que ese gol non afundira aos seus. “O equipo mentalmente voltou a demostrar esa solidez, que non adoita acusar os golpes e pode sobrepoñerse ás adversidades”, afirmaba.


O cuarto volve a poñer ao Portus Apostoli “con comodidade”, nunha acción de incorporación de porteiro que, apuntaba Marlon, “fixemos francamente ben durante o partido”. Tivo resposta o conxunto visitante co 4-3, “outra vez nun un contra un, na segunda xogada ao igual que en Benavente”, unha situación que o técnico atopa como “a diferenza entre Primeira e Segunda, eses duelos e disputas. Aí somos tenros, non somos o contundentes que debemos, e contra equipos deste nivel que viven estas situacións todas as semanas, penalízanos. Na volta hai que poñerse as pilas nese sentido”, avisaba.


Valoraba finalmente Marlon Velasco o partido como “aparte de pola vitoria, como unha aprendizaxe para ser mellor equipo e chegar mellor preparados á volta”. Iso será en maio, agora “a pensar en Talavera, vimos de perder un partido en Liga, non perdemos ata agora dous seguidos en Liga e non imos facelo agora. A esquecernos da Copa Galicia e a pensar en facer o mellor partido posible e gañar este sábado”, concluía.

Comments


bottom of page